Taller de inmersión no inglés a través de proxectos na natureza
C.E.N “Casa das Insuas”, Rábade
6 sábados até o final da primavera de 11 a.m. a 2 p.m.
(22 de marzo, 5 e 26 de abril, 3 e 24 de maio, e 21 de xuño)
Impartido por Margarita Alonso Arce (profesora de inglés) e Charo Basanta Cornide (bióloga)
Dirixido a rapaces/as de 12 a 18 anos
Prezo: 25 € /mes socios - 30 €/mes non socios
Inscricións no teléfono 625 711 090 ou en inglesnasinsuas@yahoo.es
CONTIDOS
22 de marzo- Primeiro contacto coa paisaxe da ribeira e coa reciclaxe de residuos orgánicos.
5 de abril- Proxecto solo (I): ¿son todos os solos a mesma cousa? Perfís no campo e tipos de terras.
26 de abril- Proxecto solo (II): Organismos vivos do solo; unha experiencia con miñocas.
3 de maio- Proxecto auga: a vida na auga do río e os signos de contaminación.
24 de maio- Proxecto fauna e vexetación: vexetais e animais presentes no hábitat da ribeira
21 de xuño- Proxecto aire: aspectos climáticos da zona de traballo. Celebrar o Solsticio de verán.
OBXECTIVOS
- Adquirir fluidez na expresión do inglés oral e escrito.
- Dar valor e coñecer o entorno natural para coidalo (custodia).
- Compartir e aprender na natureza, a observación e a recollida de datos.
- Traballar en equipo, colaborativa e cooperativamente.
- Utilizar as novas ferramentas como internet, blogs, buscas...
METODOLOXÍA
- Uso do inglés todo o tempo aínda que non sexa necesario ter un bo nivel previo; cóntase con que sempre hai distintos niveis que se complementan.
- Formación de equipos que se ocuparán de distintos aspectos do hábitat da ribeira do Miño e das Insuas, para compartilos e chegar a un coñecemento global desde a aprendizaxe colaborativa.
- Disposición de infraestruturas básicas para a reciclaxe de residuos orgánicos, laboratorio para estudos naturalistas e ordenadores para as novas tecnoloxías.
- Descricións e busca de información noutras web en inglés para a elaboración dunha base de datos.
- Busca de experiencias semellantes noutros países para iniciar unha correspondencia en inglés con eles.
- As sesións repartiranse nunha media hora de traballo previo para organizar a saída, as funcións dos membros dos equipos e os materiais. Unha hora de saída e observación e/ou laboratorio, e outra hora de traballo no ordenador. Finalmente, media hora de posta en común para compartir experiencias.
- Na parte oral traballarase a posta en común, toma de decisións, escoitar aos outros e chegar a consensos para posibles actividades noutro entorno. Observaranse os erros gramaticais que se irán corrixindo. Aprenderanse frases útiles na comunicación do traballo en equipo e vocabulario relacionado coa natureza, verbos de acción, os tempos verbais, e uso de adxectivos para a descrición do desenvolvemento do hábitat no tempo.
- Na parte escrita ademais da base de datos, informes e descricións, practicaranse distintos tipos de texto, conectores e estrutura do texto. Elaborarase unha memoria diaria de impresións e sensacións que pode ir documentada con fotos que se poidan facer co móbil e audios con gravadora para integralos nun blogue.
- Traballarase a escoita con testemuñas de experiencias semellantes, documentais e fragmentos de películas.