Noticias de Hoy
Fabio Biondi
Fecha: 29/05/2014
Horario: 21:30

Real Filarmonía de Galicia dirixida por Fabio Biondi e narrado por Xosé Barato

Werther

Un claro síntoma da 'febre de Werther' foi a composición, ca. 1795, dun melodrama do compositor e violinista Gaetano Pugnani (1755-1824), nun momento no que en Europa a obra de Johann Wolfgang von Goethe (1749-1832) As mágoas do mozo Werther convertérase no núcleo dunha nova estética e unha nova moda. A obra, unha novela epistolar de tinturas autobiográficas, preséntase como unha colección de cartas que o sensible e apaixonado Werther dirixe ao seu amigo Guillerme, relatando a súa estadía en Wahlheim, o seu trato cos campesiños e a súa relación coa fermosa Charlotte. Foi publicada en alemán en 1774 e traducida ao italiano en 1782 en Turín, cidade natal do compositor, en medio dun intenso debate literario. Xa famosa en toda Europa, José Mor de Fuentes (1762-1848) é o escritor aragonés que a traduce ao castelán en 1803 cuxa primeira edición está datada en París aínda que non foi publicada en España ata 1835 en Barcelona. Tendo en conta que entre 1776 e 1787 xa se publicaran en Francia quince traducións da obra que, como introdutora do romanticismo, estaba revolucionando a literatura europea, está moi claro que a tardía aparición no noso idioma debeuse á censura e así o demostra un documento con data de 1802 do profesor Montesinos que di: “...no se puede leer sin sonrojo [...] esta obra es poco adaptable al genio y gusto español, porque ni divierte ni instruye, según mi corto entender…”. Sen embargo, esta tradución de As mágoas do mozo Werther é un documento imprescindible para comprender a historia e posterior romanticismo en España que contén o seguinte prólogo do tradutor: “...Todas las naciones tienen sus escritos descollantes, ó sean obras clásicas, que, por decirlo así, acaudillan sus respectivas literaturas. Entre nosotros el Quijote, que por su invencion y sus chistes se sobrepone á todos los partos del injenio humano ... En este caso se halla la novelilla del Werther, pues desde su publicación, hácia finales del siglo anterior, causó en Alemania una sensación tan entrañable, que todavía prevalece en los ánimos de entrambos sexos. Su autor Goethe blasonaba tambien de poeta, como se ve en el Raso, La Ifijenia, el lindo Poemita de Herman y Dorotea, y otras muchas composiciones; pero generalmente sus versos pobrean, y, según el achaque nacional, si me atrevo á decirlo así, prosean lastimosamente. Con efecto, la poesía tudesca, esencialmente diversísima de la inglesa, es de suyo lánguida, desmayada y casi yerta para nosotros; y así es que los Poetas alemanes no aumentan apenas dificultad sobre los Prosistas para su intelijencia, al paso que en inglés, después de estar un extranjero corriente en cuanto cabe con los Historiadores, tiene que aprender un nuevo idioma, para señorearse por los versos de Milton, Dryden, y aun de Pope, Thomson, etc...”

Gaetano Pugnani era coñecido, sobre todo, como violinista e por ser mestre de Giovanni Battista Viotti e por asociación coa obra de Fritz Kreisel, Preludio e Allegro no estilo de Pugnani (1910) aínda que é indiscutible a importancia dalgunhas das súas composicións como concertos para violín, música de cámara, óperas... E, dende logo, este Werther, obra mestra de Goethe na que combina texto, un melodramático monólogo dividido en dúas partes, cun profuso acompañamento musical para dar como resultado o que se denomina melólogo. Unha fórmula que se adapta ben á novela epistolar, na que a música nunca é acompañamento puro senón que trata de mellorar o texto a través de suxestións de sons, que se alternan ou superpoñen, e serve de transición entre pasaxes do monólogo. Pugnani, sen terminar de abandonar as antigas formas barrocas, utiliza procedementos modernos na procura de contidos expresivos novos. O seu peculiar estilo mestura a tradición italiana coa sinfónica centroeuropea alcanzando resultados moi suxestivos. Así, ao longo da partitura é posible revisitar as xocosas sinfonías de Haydn, os trémolos ameazantes de Filippo Piccini, composicións dos franceses Françoise-Joseph Gossec e Étienne-Nicolas Méhul e mesmo, obras de xuventude de Beethoven. Por iso, non é posible esquecer a Sinfonía inicial, o interludio bucólico da primeira parte que representa Wahlheim, a melodía Ch’ella suona ao piano interpretada por toda a orquestra, o minueto da escena do baile, nin os moi excepcionais momentos nos que o compositor consegue certo ton dramático, sobre todo na segunda parte máis tráxica cando a trama escurece, tinguíndose de morte.

Fabio Biondi

Nacido en Palermo, Fabio Biondi comeza a súa carreira internacional como solista á idade de doce anos. Aos quince coñece aos pioneiros da nova escola barroca e con dezaseis o Musikverein de Viena invítao a interpretar os Concertos para violín de Bach. Dende entón colabora como primeiro violín coas principais agrupacións da música antiga.

En 1990 dá un xiro decisivo ao fundar Europa Galante, que en moi poucos anos se converte no conxunto italiano especializado en música antiga máis premiado e famoso do panorama internacional. Con Europa Galante Fabio Biondi é invitado aos festivais e salas máis prestixiosas do mundo. O desenvolvemento musical de Biondi con Europa Galante abarca dende As Catro Estacións, os Concerti Grossi de Corelli ou as sonatas de Schubert, Schumann ou Bach ata os oratorios, serenatas e óperas de Alessandro Scarlatti, as óperas de Händel, ou o repertorio violinístico do '700 italiano.
 
Hoxe encarna o símbolo da investigación perpetua dun estilo libre de condicionamentos dogmáticos interesado na busca da linguaxe orixinal, que o leva a colaborar como solista e director con orquestras como a Santa Cecilia de Roma, a orquestra Nacional de Montpellier, L’ensemble Orchestral de París e a orquestra de cámara de Noruega, as da Ópera de Niza e Halle, a Orquestra Mozarteum de Salzburgo, a Mahler Chamber Orchestra e a Tivoli Symphony Orchestra. 
Biondi é dende 2005 director estable para a música antiga da Sinfónica de Stavanger.

Biondi toca un violín Gofredo Cappa (Saluzzo, 1690) e outro Carlo Ferdinando Gagliano (1766) que pertenceu ao seu mestre, Salvatore Cicero, e posto á súa disposición pola fundación homónima.

Real Filharmonía de Galicia

A Real Filharmonía de Galicia inicia a súa actividade en 1996 no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela), onde presenta a súa tempada estable de concertos. O se primeiro Director Titular foi Helmuth Rilling (1996-2000), a quen sucedeu Antoni Ros Marbà (2001-2012). Actualmente, Paul Daniel é o seu director titular e artístico.

Se ben ofrece no seu ciclo todo o repertorio sinfónico, a RFG singularizouse polas súas interpretacións do repertorio musical do clasicismo e primeiro romanticismo que, polo seu tamaño de orquestra, élle máis propio, apostando, cada vez máis, por incorporar á orquestra un repertorio internacional máis amplo que, de maneira singular, inclúe encargos a compositores galegos.

Ademais do mestre compostelán Maximino Zumalave (Director Asociado) vinculado á Real Filharmonía dende o seu inicio, e de Christoph König, Principal Director Invitado, tamén dirixen a RFG outros directores: Frans Brüggen, Juanjo Mena, David Afkham ou Hansjörg Schellenberger, entre outros. Da mesma maneira xunto á RFG actuaron os mellores intérpretes, como por exemplo Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope ou Vadim Repin (violín), Natalia Gutman, Lluís Claret ou Enrico Dindo (violoncello), Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder ou Eldar Nebolsin (piano) e cantantes como Teresa Berganza, Thomas Quatshoff ou Matthias Goerne.

Como actividade externa, a presenza nas cidades galegas así como no resto de España é de capital importancia, igual que as xiras internacionais que realizou (Austria, Alemaña, Francia, Brasil, Arxentina e especialmente Portugal). En 2009, a Real Filharmonía de Galicia presentou dous traballos discográficos inéditos dedicados a Manuel de Falla e Frederic Mompou e, en 2012, un novo disco, dedicado a Ravel.