LA GALANÍA é un dos máis prometedores ensembles especializados do panorama musical español actual.
Fundado no ano 2010 por Raquel Andueza e Jesús Fernández Baena, o seu obxectivo é interpretar música barroca, tanto do século XVII como do XVIII, en base a uns coidados principios historicistas e apostando por colaborar cos mellores músicos tanto españois como doutras nacionalidades, todos eles especializados neste repertorio. Os seus membros forman parte de orquestras e grupos prestixiosos a nivel mundial, como L’Arpeggiata, Hespèrion XXI, Al Ayre Español, Orquesta Barroca de Sevilla, Private Musicke, Orchestra of the Age of the Enlightment, etc. Como eixe central do grupo contan coa soprano Raquel Andueza.
LA GALANÍA fixo o seu debut con grande éxito na Catedral de Pamplona co Stabat Mater de Pergolesi, e posteriormente actuou en varios dos máis prestixiosos auditorios de España e de Europa: Auditorio Nacional de Madrid, Teatro Liceo de Salamanca, Cultur Casino Berna, MAFestival de Bruxas, Palacio de la Almudaina de Palma de Mallorca, Festival de Aranjuez, Quincena Musical Donostiarra, etc.
En xaneiro de 2011 saíu á luz o seu primeiro proxecto discográfico, ‘Yo soy la locura’, para a discográfica Anima e Corpo, álbum que dende a súa saída ao mercado converteuse nun éxito de crítica e vendas, e que recibiu de maneira unánime o premio Festclásica, outorgado pola Asociación Española de Festivais de Música Clásica. Seguiulle en 2012 “In Paradiso” e a finais de 2013 “Alma Mía”.
Raquel Andueza
Nacida en Pamplona, inicia a súa formación musical aos seis anos. Posteriormente, o Goberno de Navarra e o Concello de Londres concedéronlle unha bolsa, e amplía estudos na Guildhall School of Music and Drama de Londres, onde obtén o Bachelor of Music con mención honorífica e recibe o premio School Singing Prize. Pouco máis tarde coñece ao mestre Richard Levitt, quen foi o seu referente ata o presente.
Colabora asiduamente con diversas formacións: L’Arpeggiata, Orquesta Barroca de Sevilla, Gli Incogniti, La Tempestad, Al Ayre Español, El Concierto Español, Private Musicke, Conductus Ensemble, La Real Cámara, Hippocampus, B’Rock, Orphénica Lyra, etc.
Actúa como solista nos principais festivais e auditorios de toda Europa (París, Madrid, Barcelona, Bruxelas, Utrecht, Praga, Frankfurt, Bucarest, Viena, México, Nápoles, Granada, Minneapolis, Berna, Londres, Hong Kong), e en 2012 fai o seu debut no neoiorquino Carnegie Hall e nos Proms londinienses.
Foi dirixida por directores como William Christie, Fabio Biondi, Emilio Moreno, Jacques Ogg, Mónica Huggett, Eduardo López-Banzo, Christina Pluhar, Richard Egarr, Ottavio Dantone, Christian Curnyn, Pablo Heras, Sir Colin Davis, José Ramón Encinar, etc.
Antonio Cesti (1623-1669)
Miracolo Della Musica
Il Padre Cesti, miracolo della música. Con estas palabras, o dramaturgo Francesco Sbarra referíase en 1651 a un dos compositores italianos máis significativos do século XVII: Antonio Cesti.
Nacido en Arezzo en 1623 e bautizado co nome de Pietro, cando ingresa na orde franciscana en 1637 adoptou o nome de Antonio. Durante a década de 1640 traballou como músico para diversas institucións relixiosas: en 1643 foi nomeado organista da catedral de Volterra, en 1644 organista na igrexa de Santa Croce de Florencia.
A súa agraciada voz de tenor permitiulle debutar en 1647 no mundo da ópera, grazas ao mecenado da familia Medici, na inauguración do novo teatro de Siena. A partir de 1650, Cesti deixou de traballar para institucións eclesiásticas, dedicándose á súa faceta de cantante e compositor de óperas. Este cambio de vida supúxolle numerosas críticas por parte dos superiores da orde franciscana. Parece ser que Cesti non só abandonou a vida monacal, senón que chegou a incumprir os seus votos de castidade cunha tal “signora Anna Maria”, que posiblemente se tratase da cantante Anna Maria Sardinelli.
De 1651 data a primeira ópera de Antonio Cesti, Alessandro vincitor di se stesso, escrita para o Teatro di SS. Giovanni e Paolo de Venecia. Ao ano seguinte foi contratado pola corte de Innsbruck como director da Kammermusiker, un conxunto de cantantes italianos, na súa maioría castrati, cuxo cometido era interpretar cantatas e arias para entretemento da corte, ademais de participar nos diversos espectáculos operísticos. Cesti compuxo durante esa etapa: L’Argia (1655), Orontea (1656) e La Dori (1657). Estas dúas últimas óperas encóntranse entre as máis representadas en Italia durante a segunda metade do século XVII.
Á estrea de L’Argia pertence o lamento Disserratevi abbisi. Unha das características dos lamentos italianos, que se pode observar nesta peza, é o uso do baixo ostinato construído sobre o tetracordo descendente, que neste caso é de carácter cromático. Na escena á que pertence esta aria, Selino quéixase da inxustiza á que se ve sometido tras ser condenado a morte polo rei Atamante. Máis tarde, trala anagnórise de rigor, descóbrese que Selino en realidade é Lucimoro, fillo desaparecido de Atamante, terminando felizmente a ópera coa aperta conciliadora entre ambos os dous. A aria Alma Mía pertence a unha representación posterior de L’Argia, producida no Teatro de San Salvatore de Venecia en 1669, meses antes da morte de Cesti. Esta belísima aria doente, expresión dun aflixido Solimano pola determinación do seu protexido Laurindo –Árgia disfrazada– de se bater en duelo, contrasta coa aria xocosa Sú lieti scherzate, cantada polo personaxe cómico Alceo. Da ópera Orontea procede a aria Vieni Alidoro, construída sobre un baixo ostinato, esta vez de passacaglia. Nesta aria, Silandra canta ao seu novo amor Alidoro –que en realidade se trata de Floridano, príncipe de Fenicia– despois de renunciar á súa anterior amante, Corindo. As arias de Orontea Intorno all’idol mio e Dormi ben mio forman parte dunha das escenas máis dramáticas de toda a ópera, na que unha arrepentida Orontea arrola o corpo desfalecido do seu amado Alidoro. A unha representación posterior de Orontea, producida en Venecia en 1666, pertence a aria Mie pene cantada por Giacinta, quen dubida se revelar a Alidoro que foi ela a que o intentou asasinar no pasado. Xunto a Orontea, a ópera máis famosa de Cesti foi La Dori e desta procede a aria estrófica Amor se la palma. Nela, Dori laméntase do seu destino por non poder estar xunto ao seu prometido Oronte, príncipe de Persia, xa que debe permanecer oculta trala personalidade de Alí, un simple escravo. Este travestismo é un elemento habitual nos intricados argumentos postos en música por Cesti, está tomado das comedias “de capa e espada” españolas do século XVII e é frecuente encontrar este recurso argumental nas obra de Lope de Vega, Tirso de Molina ou Calderón de la Barca.
En 1658, Cesti abandonou Innsbruck e viaxou a Roma para que o liberasen dos seus votos monásticos, algo que conseguiu a cambio de formar parte do coro papal de Alexandre VII. A esta etapa romana pertencen as súas cantatas Non si parla piú d’Amore e Ó quanto concorso.
A pesares da ameaza de excomuñón que supuña abandonar o coro papal, Cesti volveu a finais de 1661 á corte de Innsbruck, onde continuou coa composición de música escénica. Trala prematura morte do arquiduque Sigmund Franz, derradeiro membro da rama tirolesa dos Habsburgo, o cadro musical trasladouse á corte vienesa do emperador Leopoldo I. Cesti pasou entón dunha corte provinciana a un dos centros culturais máis espléndidos de toda Europa. Para a corte vienesa, en lugar de óperas de estilo veneciano, como son L’Argia, Orontea ou La Dori, Cesti compuxo grandes espectáculos mitolóxicos de grande aparato escénico. A súa obra máis coñecida deste período é a ópera Il Pomo d’Oro, escrita nun principio para festexar en 1666 as nupcias entre o emperador Leopoldo I e a infanta de España Margarida Teresa, aínda que finalmente se representou en 1668 para celebrar o aniversario da xa emperatriz consorte. A esta última etapa pertence tamén a ópera Il Tito, estreada en 1666 no Teatro di SS. Giovanni e Paolo de Venecia. A esta ópera pertencen a aria Che mi consigli Amor, na que o futuro emperador romano Tito debate se debe ceder ao amor que profesa por Berenice, raíña de Xudea, e tamén a conmovedora aria de Polemone Berenice, Óvesei, que está composta por tres seccións contrastantes: Un lamento, un recitativo e finalmente unha aria de furia.
Se cadra polo exceso de traballo que supuña compoñer para a corte imperial, Cesti decidiu volver a Italia a finais de 1667. Morreu en Florencia en 1669 aos 46 anos de idade e a súa prematura morte favoreceu o rumor de que fora envelenado polos seus rivais.