A Quenlla naceu en 1984, cuns obxectivos fundamentais, entre outros, continuar no mundo da música e da palabra, logo da primeira experiencia de dous membros, Mini e Mero, con "Fuxan os Ventos". Deste xeito, quixeron crear unha nova agrupación para dinamizar -coma suma de vontades e un xeito específico de facer- a Cultura Galega e, de xeito especial, a canción. Tamén crían que era tempo de facer un replantexamento político do seu traballo porque a situación política tamén mudara. Xa con anterioridade, en abril de 1986, comentaban sentirse insatisfeitos porque Fuxan viña declinando no que a resposta social se refire, polo que a principal diferenza entre A Quenlla e Fuxan está na resposta social do grupo, e o estilo aseméllase ao dos primeiros tempos de Fuxan.
Desde os seus inicios, A Quenlla puxo unha especial atención na Cultura Tradicional, asumindo como base a memoria colectiva e, como fundamento histórico, recuperala do abandono e do esquecemento, transmitindo unha versión de moitos feitos que poucas veces se contaron. Asumiron así a obriga de non permanecer impasibles nin mudos diante dos feitos e dos acontecementos que suceden ou poidan suceder na nosa Patria, actuando como relatores e cantores dos mesmos. É por iso que moitas veces A Quenlla colle textos de poetas e de escritores para, imprimíndolles musicalidade, devolvelos en forma de canción e de mensaxe que conxugue Palabra e Sentimento Musical do propio creador.
Adoptar unha postura crítica e un compromiso diante dos acontecementos é o que move á A Quenlla, que non canta por cantar, senón que o fai para expresar o seu propio punto de vista.
O seu primeiro traballo, "Os tempos inda non, non son chegados" é un monográfico de pezas onde se abordan os principais problemas que ten Galicia, a través de poemas musicados de Manuel María, Celso Emilio Ferreiro e Darío Xoán Cabana.
Desde entón, as súas cancións veñen sendo unha mestura de música tradicional recollida directamente por eles mesmos con outra música baseada en textos de autores -homes e mulleres da Palabra- que resisten inflexibles na procura da recuperación da memoria histórica, dos dereitos culturais e da dignidade como Pobo.
A Quenlla actúa fundamentalmente na xeografía galega, pero tamén onde outros galegos con interese polas voces, pola palabra e pola canción independente, os reclaman. Así ten actuado, entre outros sitios, no Conservatorio de Córdoba convidados pola Casa de Galicia e polo Concello da localidade andaluza, en Toledo, Barcelona, Londres, Suiza...
DISCOGRAFÍA:
Son xa 30 anos percorrendo, non só o mundo musical, senón tamén o literario e cultural en xeral. Ademais dos 10 discos editados, A Quenlla dá voz e música a varios vídeos como "A Historia da Lingua Galega", "70 anos de nacionalismo", "Os señores da palabra" e "Luís Pimentel", editados pola produtora Ophiusa, aledando tamén maxistralmente "Manuel María da Terra Cha" e "Fiz Vergara Vilariño", de Citania de Publicacións.
En 1986 sae á luz o seu primeiro traballo: "Os tempos inda non, non son chegados" cun monográfico de Manuel María que abrangue toda a Cara A. Como non era de esperar as letras son unha crítica feroz e directa á situación socio-política do momento e á defensa da terra e da lingua. Incluía tamén poemas de Dario Xohán Cabana, Celso Emilio Ferreiro e incluso creacións propias conxugadas sempre coa música tradicional do país.
Dous anos máis tarde viría "Európolis'88" que, como o nome indica, é unha defensa dos intereses e valores de Galicia, mermados pola entrada de España na entón CEE. Volvemos ter unha mestura de ritmos, tradición e canción de autor.
Recén comezada a década dos noventa, aparece en setembro "Máis alá da néboa", título que fai alusión a un verso do poema de Luís Pimentel "As cunetas" incluído neste traballo e que vén pechar o álbum. Unha vez máis xorden fermosísimos poemas de Luís Seoane, Lorenzo Varela e unha pequena incursión na literatura que nos vincula coas voces e coa música portuguesa con "A Galiza mailo Minho".
En novembro de 1992 xorde "Terra" cunha primeira canción moi intensa en sentimento, nada dun poema de Méndez Ferrín que foi chamada "Quero dicir teu nome". Musicalmente "Terra" é unha novidade, pois coa súa característica ironía e sentido do humor atrevéronse co ritmo de salsa e cumbia sen perder por elo intensidade e calidade musical.
Só un ano máis tarde, e baixo a dirección musical e idea orixinal de Xesús Mato, sae ao mercado "Nadal en galego: Galicia canta ó neno": una recompilación de panxoliñas e cantos de reis recollidas en diversos lugares de Galicia.
"A casa que nunca tivemos", en 1996, sería xa o 6º disco de A Quenlla e supón tamén unha novidade en canto á música e composición. Neste traballo cántanlle á terra "o salouco do noso cantar, breve, amargo e primitivo, mesmo rouco", e que trata de ser "a epopea de Galicia, a epopea dos que padeceron a historia". "A casa que nunca tivemos" é un musical que, na súa primeira parte presenta a Galicia, "unha nai que non ten casa para acochar aos fille que paire", mentres a segunda -cando sexa- será unha explosión de humor e a última, tamén por vir, "unha aposta polo amor ao noso, pola esperanza e polo futuro porque a solución non é chorar nin evadirse". O disco vai alternando cancións, pezas só musicais, e recitados con letras de Marica Campo.
Ademais de dúas cintas de canción infantil galega para a aprendizaxe da música, "Xogando coa música", A Quenlla editou dous CD's recopilatorios dos seus primeiros traballos en casette e vinilo. Así aparecen baixo os títulos de "As nosas cancións. Vol. I" e "As nosas cancións. Vol. II", en 1997 e 1998, respectivamente.
En 1999 e con colaboración da FEGAD (Federación Galega de Asociacións de Axuda ó Drogodependente) editan "Namórate da vida". É este disco unha compilación de versos de distintos poetas que evidencian os perigos da droga.
O seu traballo, "Silencios na memoria", saiu ao mercado en 2004. Nun dobre álbum voltan a mesturar poemas propios, alleos e tradición, se ben agora inclúen Cantos de cego por primeira vez. As letras voltan a ser duras e críticas coma nos primeiros tempos e inclúen un poema do poeta castelán Marcos Ana traducido ao galego no que relata a dura experiencia da cadea e a represión franquista. Musicalmente, en "Silencios na memoria" vese unha clara madurez e profesionalidade que viñeron a demostrar que A Quenlla está en constante creación e innovación.
Posteriormente a este disco, xurdiu tamén en 2004 o "Chill Out Celta en Galicia". Baixo a dirección, realización e produción de Alfredo Garrido, "A Quenlla" colabora, entre outros artistas, neste enxeñoso proxecto. Trátase dunha interpretación musical de textos, case todos de Mero -un compoñente do grupo- sobre soportes musicais xa coñecidos de aquí, de Irlanda, Escocia, Gales e Bretaña.
No 2011 saíu a rúa o seu traballo "Os Irmandiños", monográfico de Manuel María no que se lembrará e dignificará a loita dos "Irmandiños".
A comezos do 2014 saíu o seu traballo "30 anos con A Quenlla de amor, dor e loita" , que se anda a presentar ao público.
E a vez están a gravar un traballo sobre poemas de Xosé Díaz Castro, que verá a luz proximamente.