Lugo. Do 11 o 27 de decembro.
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, xunto con integrantes da asociación Lóstregos Lucus, presentaron a primeira Volta ao Concello de Lugo, “unha oportunidade para que as moteiras e moteiros de Lugo poidan realizar a súa actividade sen incumprir as restricións sanitarias vixentes e que ao mesmo tempo poidan coñecer a súa contorna máis cercana de xeito ameno e lúdico”.
A primeira Volta ao Concello de Lugo consistirá nunha ruta en moto adaptada ás restricións sanitarias vixentes. Case 130 Km de ruta en moto por todo tipo de estradas sen saír dos límites do Concello, seguindo un libro de ruta que permitirá coñecer o patrimonio municipal. “Trátase dunha ruta turística, sen ningún tipo de afán competitivo”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “as persoas participantes descubrirán as paraxes de Lugo que habitualmente non visitamos, e con este redescubrimento do Concello poderán converterse en futuros promotores da nosa paisaxe unha vez se volva permitir a circulación”.
A área de Cultura e Lóstregos Lucus contan tamén co comercio local para realizar esta actividade. Todas as persoas inscritas participarán no sorteo de 4 vales de 200€ nos establecementos colaboradores co evento. “Seguimos desta maneira apoiando iniciativas que colaboren na reactivación do comercio local despois da crise sanitaria”, declarou Maite Ferreiro.
As inscricións deberán realizarse entre o 23 de novembro e o 6 de decembro, e o prazo para realizar a ruta comezará o 11 de decembro, e estenderase até o 27. A ruta ten unha duración aproximada de 4 horas e o libro de ruta indicará os distintos puntos de control no que se deberá parar para acreditar o cumprimento da ruta, realizando unha foto e enviándoa á organización. Debido ás restricións sanitarias vixentes, inscrición só estará aberta a residentes en Lugo.