Logo dos éxitos colleitados desde a súa estrea, a longametraxe A ESMORGA, producida por Vía Láctea Filmes, Editorial Galaxia e TVG, e dirixida por Ignacio Vilar, sairá á venda en DVD o vindeiro venres 20 de novembro, xusto un ano despois da súa estrea nas salas de cinema galegas.
O vindeiro xoves 19 de novembro, en As Termas Centro Comercial, terá lugar un acto de sinatura de exemplares entre as 17h00 e as 18h30 por parte do director, Ignacio Vilar, e dos actores protagonistas, Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán “Morris”. Por este motivo, aínda que a data oficial do lanzamento é o venres 20 de novembro, o DVD estará á venda en exclusiva a partir do 19 de novembro no Hipermercado Eroski do CC As Termas.
Deste xeito, Ignacio Vilar, Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán “Morris” asinarán DVDs a todos aqueles espectadores que desexen ter nas súas mans unha obra clásica personalizada e avalada por un extraordinario recoñecemento tanto do público como da crítica.
O citado DVD, alén do filme en V.O. galega e versións subtituladas, inclúe contidos extras coma a posibilidade de ver o filme con comentarios do director ou unha conferencia sobre a obra de Eduardo Blanco Amor e o filme, entre outros.