Presentación en Lugo: O tabú na traslenda, de Isidro Novo.
- Data: 25 outubro
- Hora: 19.30
- Lugar: Librería Trama
Este mércores 25 ás sete e media, Isidro Novo vainos presentar o seu libro O TABÚ NA TRASLENDA.
Na presentación estará acompañado do escritor e investigador Antonio Reigosa e de David Cortizo, editor de Urco.
O autor, dándolle gozo á súa imaxinación, quixo facer notorio o seu optimismo cara ao futuro do medio rural galego que a día de hoxe aínda está nun deprimente retroceso, a pesar deses gromos de xente con preparación cara a un obxectivo rendíbel que se asenta nel con intención de permanencia. A novela desenvólvese nunha parroquia de interior (Amarelle), unha parroquia que, sen nada que a potencie sobre as demais do seu arredor, estrañamente resiste cos mesmos habitantes de principios do século XX e no imaxinario de quen a habita latexa que é un ser sobrenatural que sobrevive neles como mito o que vela para que se manteña cunha vitalidade estábel. Os habitantes de Amarelle renegan das mouras como mito estereotipado diante da xente de fóra, pero ao mesmo tempo entre eles cren na súa, porque teñen constancia de que a Moura de Amarelle é un ser benfeitor, e máis dende os tempos nos que o seu amante é un veciño moi querido da parroquia que, namorado e perseguido, quixo ser encantado por ela.