Presentación do libro-Dvd de Pelerinaxes en Lugo.
O xoves 27 de abril, ás 19.30 horas, na librería Trama de Lugo, presentase o libro-DVD publicado pola Editorial Galaxia do último filme do cineasta italo-galego Simone Saibene.
O filme foi finalista como mellor documental nos Premios Mestre Mateo deste ano.
Este xoves, 27 de abril, ás 19.30 horas, na Librería Trama de Lugo (Avenida de A Coruña, 21) haberá a presentación do libro-dvd do filme 'Pelerinaxes' publicado por Galaxia. Estarán presentes a actriz protagonista do filme, a lucense Carmen Méndez e o director e guionista da película Simone Saibene. Presenta o acto o produtor Pepe Coira.
O filme, que ten unha duración de 74 minutos, fai o percorrido que en 1927 fixeron Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, entre Ourense e Santo André de Teixido. Un camiño que comeza na Praza do Ferro da cidade de As Burgas e que percorre diversos pobos das provincias de Lugo e A Coruña (Monterroso, Palas de Rei, Lugo, Rábade, Vilalba, As Pontes e Ortigueira, entre outros).
Carmen Méndez encarna a Luzía, unha investigadora licenciada en audiovisual que percorre as oito etapas do camiño para rematar un proxecto audiovisual iniciado na universidade sobre o libro de Otero Pedrayo xunto cun compañeiro, interpretado por Xoel Yáñez. ‘Pelerinaxes’ se sitúa entre a ficción e o documental, altérna o percorrido feito pola protagonista con entrevistas a homes e mulleres, figuras do mundo cultural galego. Ademais da actriz Carmen Méndez, o reparto deste filme confórmano tamén Alfonso Míguez, Ruth Sabucedo e Isabel Risco. A última, neta de Vicente de Risco, leu en Ortigueira o discurso que en 1927 lle foi negado ao seu avó por ser considerado un ‘home perigoso’ durante a ditadura de Primo de Rivera.
Esta edición do dvd está acompañada dun libro con imaxes da gravación e con textos de Víctor Freixanes, Ángel Suanzes, Pablo Gallego Picard, Marta Gómez-González, Patricia Chachero, Alberto Allegue, Valentín Carrera, Isabel Risco e do mesmo Saibene, que profundan algúns temas tratados na película. Víctor Freixanes escribiu no seu texto: ‘Case noventa anos despois, Simone Saibene, italiano de nación mais comprometido de cheo coa cultura e realidade do noso país, recupera a experiencia dos clásicos e proponnos unha nova ollada sobre o camiño. O Santo André que alá foi parar nas estremeiras do mundo, ben pode estar compracido deste esforzo de sensibilidade e intelixencia, que dende a Fundación Otero Pedrayo aplaudimos e agradecemos.’
O filme xa partecipou en distintos certamenes internacionais, entre outros no espazo CineFil do Festival Interceltique de Lorient (Francia), no 14º Indipendent Film Festival de Daca (Bangladesh) e no Festival Internacional de Cine de Ourense. En Lugo abriu o Cultura Aberta o ano pasado.
'Pelerinaxes' foi finalista aos Premios Mestre Mateo 2017 como mellor documental.