Noticias de Hoy
Presentación_Lugo
Fecha: 12/02/2016
Horario: 20:00

Presentación da novela: Tres Ferida, de Manrique Fernandez

Manrique Fernández, natural de Cospeito, aborda na súa primeira novela os tema do desamor e da incomunicación entre as persoas. "Tres feridas", cuxo título fai alusión ao coñecido poema de Miguel Hernández, desenvólvese en torno ás ideas da vida, o amor e a morte, encarnadas nos seus tres protagonistas, aos que a falta de comunicación marcaralles a súa existencia con profundas feridas emocionais.

Os soños de Rafael e a súa idealización do amor levarán a desgracia ás persoas ás que máis quere, vítimas dos que cren que os sentimentos poden ser programados.

A dor, a soidade, o abandono, a culpa, a ira e o odio planean sobre unha historia na que os seus protagonistas terán que elixir entre os seus desexos e os dos demais, nun marco no que os desacordos provocados pola falta de comunicación cimentan un conflito que estoupa sobre as súas vidas.

Biografía do autor
Licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, Manrique Fernández traballou en distintos medios galegos, tanto na prensa escrita como en radio, televisión e medios dixitais. Dende o seu nacemento en 2002 exerce de director-xerente da Fundación Rogelio Groba.

En colaboración co compositor, publicou a súa biografía autorizada (“Meditacións en branco e negro”. Xerais, 2000), un libro de conversas (“Diabolus in musica”, Galaxia, 2011) e un catálogo (“Mi obra musical comentada”, Fundación Rogelio Groba, 2015). Da súa colaboración tamén naceron, entre outras composicións, dúas óperas (“Floralba” e “Pedro Madruga. O Noso Rei”), unha ópera infantil (a adaptación do conto de Charles Perrault “O gato con botas”), unha cantata (“Corpus en Ponteareas”), e un réquiem (“Samaín. Réquiem galego”).

Ademais publicou o libro “Floralba” (Egasur, 1999), que recolle o libreto da ópera do mesmo título e o poema orixinal no que se baseou; “Ponteareas máxica. mitos, ritos e lendas” (Asociación de Comerciantes de Ponteareas, 2001), no que recompila varias lendas da zona relatadas en verso; e mailo libro de relatos “Crónicas de Embora” (Toxosoutos, 2014).