Noticias de Hoy
amor en alpargatas
Fecha: 15/10/2015
Horario: 20:30

Presentación da novela: Amor en alpargatas, de Manuel Portas

O xoves, 15 de outubro, ás 19:30 horas, na librería Trama, Avda da Coruña, 21, Lugo, terá lugar a presentación da novela Amor en alpargatas de Manuel Portas.

No acto participarán Alberte Rodríguez Feixóo, Manuel Bragado e Manuel Portas.

Amor en alpargatas non é unha historia real, aínda que podería selo. Por veces, os personaxes desta novela presentan reminiscencias biográficas que facilmente resoan na nosa memoria colectiva recente. En pouco máis de vinte minutos, no medio dun cemiterio deserto, as lembranzas selectivas do amor de Sara e de Lucía eríxense na particular despedida que lle tributan a Senén, un nacionalista anónimo, un de tantos bos e xenerosos que padeceron as consecuencias das loitas fratricidas que ciclicamente sacoden o nacionalismo galego. É nese contexto temporal, político e emocional no que se desenvolven as historias de amor que percorren a novela, por forza fragmentarias, obrigatoriamente parciais, mais que no seu conxunto permiten intuír unha foto fixa, se non real, si realista, dunhas vidas coas alforxas cargadas de verosimilitude.

Manuel Portas (Barcelona, 1960), arousán por ascendencia paterna e compostelán por adopción, é profesor de lingua e literatura no IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago. Colaborou en diferentes obras didácticas e en publicacións de carácter pedagóxico, así como en xornais e revistas do país. A súa dedicación á análise social e á promoción do idioma, levouno a publicar Língua e sociedade na Galiza (1990), unha das obras de referencia obrigada na sociolingüística galega. Participou en política e formou parte do goberno municipal de Santiago ao longo de dous mandatos. Deuse a coñecer como novelista no ano 2010, con Denso recendo a salgado (Xerais). En 2011 publicou Un dedo manchado de tinta (Xerais) á que seguiu en 2013 Faneca brava (Xerais), finalista do Premio Xerais de Novela. Amor en alpargatas (Xerais, 2015) é a súa cuarta novela.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635