A Deputación e a área de Cultura da USC organizan Mulleres na memoria, un proxecto que conxuga poesía e música para restaurar a memoria das mulleres asesinadas polo franquismo.
Tomando como referencia a publicación “Ámote vermella” (Xerais, 2009) de Claudio Rodríguez Fer, con poemas dedicados a mulleres represaliadas polo franquismo, propúxose a cinco músicos e grupos lucenses a composición de cadansúa peza.
Poeta e músicos traballaron conxuntamente a selección dos poemas e a documentación de contextualización de cada un deles, resultando un repertorio que se dará a coñecer os días 14 e 15, ás 20.30 horas, na Casa do Saber.
O xoves, Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco ofrecerán o recital conferencia “Vivas en nós” no que abordarán o contido e orixe dos poemas de “Ámote vermella”, ofrecendo unha contextualización do proxecto. O venres, presentaranse as creacións artísticas que xurdiron da conxunción entre a poesía e a música.
POEMAS E GRUPOS
O grupo lucense Hit the Bit puxo música ao poema “A Juana Capdevielle” sobre a arquiveira e bibliotecaria Juana Capdevielle, pioneira en campos intelectuais ligados á pedagoxía e asasinada en agosto do 36 en Rábade.
A compositora e cantante Olalla Caamaño, vocalista de grupos de música alternativa como Musel ou Las Palmeras e recoñecida como unha das mellores voces da escena galega, musicou “Un tranvía chamado Ucrania”, poema dedicado á profesora de piano e solfeo Urania Mella, moi implicada na defensa dos dereitos das mulleres, comezando moi cedo a ensinar e ler ás mulleres do barrio de Lavadores, en Vigo.