Noticias de Hoy
OHN y Dr. Think
Fecha: 29/05/2014
Horario: 21:30

OHN y Dr. Think

OHN (María Roja + Berio Molina) y Dr. Think.
Preludio: obras de Daito Manabe, Golan Levin and Zachary Lieberman, Maja Ratkje, Insomnia, Kanta Horio, Pan Sonic, Optrum, Pina Bausch e Alva Noto

Performance:
- creación dixital de paisaxes corporais

Peche: DR. THINK (DJ)
- remix das obras do concerto

Como antesala da performance, Ohn prepararannos unha selección de material que inspira o seu traballo e do que parten as súas premisas tanto conceptuais como estéticas. Unha sesión na que se moverán da danza á música dixital pasando por traballos nos que o corpo se constrúe no espazo electrónico.

Neste PRELUDIO, fragmentos de obras propias fúndense nunha montaxe para dialogar e se mesturar cos traballos de artistas como Daito Manabe, Golan Levin and Zachary Lieberman, Maja Ratkje, Insomnia, Kanta Horio, Pan Sonic, Optrum, Pina Bausch ou Alva Noto.

A PERFORMANCE que ofrecerá Ohn parte orixinariamente dun interese en crear unha colección de paisaxes do corpo, sometido este a unha acción non intencional propia ou allea, grazas aos micromovementos ou microeventos producidos a raíz de tal feito. A observación deste realízase dende o que damos en chamar unha estética contemplativa, na que a temporalidade deste acto se estende superando o seu carácter meramente contextual ata facerse tanxible.

Nesta observación do corpo advertimos a existencia dun elemento cromático que se impón, dotando ao conxunto dunha unidade formal moi particular. É o nevus, nome da pigmentación escura da pel popularmente coñecida como lunar. A mirada instintiva vai trazando entre tales puntos unhas liñas imaxinarias de relación, que semellan querer xogar ao modo dos facedores de asterismos; aqueles conxuntos de estrelas que vistas dende o ceo da Terra parecen formar unha figura, máis non gozan de recoñecemento oficial por parte da comunidade científica. A escala deste exercizo condiciona, pois, a elección do adxectivo micro acompañando a estas persoais constelacións agochadas no corpo: microasterismos.

O desenvolvemento técnico baséase na idea de capas. Esta metáfora, moi empregada nos procesos de edición dixital para facilitar graficamente a manipulación formal, é aquí empregada como un elemento estético sobre o que despregamos a expansión do fenómeno da micro- acción lunar servindo de ponte entre o minúsculo e o maiúsculo.! As capas que conforman esta arquitectura son dúas: A proxección de liñas e o son. As liñas superpoñen a translación dimensional. Ao unir os lunares con liñas, estes convértense en astros a través da proxección imaxinaria dos asterismos e conviven as dimensións minúsculas dos lunares do corpo coa dimensión maiúscula do espazo.

O audio serve para visualizar a interacción case invisible entre os diferentes elementos (lunares) para potenciar así o imaxinario do espectador cara a percepción dunha nova realidade cunhas novas relacións de comportamento descoñecidas. Esta acentuación da interacción vese reforzada pola proxección de círculos, ondas e colas que mudan de forma dependendo dos datos que o sistema capta desta interacción.

Do PECHE do concerto encargarase o Dj Dr. Think que cerrará a sesión construíndo un remix co material sonoro do concerto.

OHN (María Roja + Berio Molina) levan tempo experimentando coa creación de paisaxes do corpo, sometendo este a unha acción non intencional propia ou allea, grazas aos micromovementos ou microeventos producidos a raíz de tal feito.

Trátase dun estudo do minúsculo, dun achegamento ao fenómeno dende unha estética contemplativa, co fin de rescatar aqueles trazos significativos de diversos fragmentos do corpo, para que a través da posterior creación dunha sutil estrutura, ese fenómeno se faga visible, se expanda e manifeste a súa capacidade sedutora. Este proxecto baséase na idea do corpo entendido como paisaxe. A observación deste realízase dende o que damos en chamar unha estética contemplativa, na que a temporalidade deste acto se estende superando o seu carácter meramente contextual ata facerse tanxible.

Vólvese a ollada cara o inscrito sobre a pel, cara cromatismos, engurras, movementos involuntarios insignificantes en canto non atenden a unha intencionalidade ou expresividade procurada, simplemente están. O ordinario faise coa nosa atención posibilitando unha redescuberta poética do mesmo.

www.berio.alg-a.org
www.mariaroja.com

ÁLVARO PARDO aka DR. THINK (DJ) practica unha libertinaxe musical adquirida tras noites de emoción en cabinas alleas, tras longas madrugadas ampliando o seu armario sónico fronte aos technics. Toda unha vida pensando/buscando sons, en atmosferas, na música maxestática, dixital e ensoñadora.

Foi e sigue sendo residente nas mellores salas nacionais e noutras doutras latitudes. Compartiu noites cos mellores selectores do mundo, os festivais máis exquisitos o reclaman e a crítica especializada o coloca no seu punto de mira como unha das apostas electrónicas máis emocionantes e sorprendentes nestes albores do século XXI. A súa segunda xira Latinoamericana por Arxentina, Uruguai, Paraguai e Brasil terminou neste 2013 deixando un regueiro de Grooves e Beats que deleitou aos presentes nas súas 20 actuacións por diferentes clubs e festivais.

www.soundcloud.com/drthink