Xoves 28 de xaneiro ás 20.15 horas no Edificio Multiusos
A compañía Redrum Teatro achega a Monforte de Lemos o vindeiro xoves 28 de xaneiro o seu espectáculo O mozo da última fila. Claudio é un estudante de dezasete anos que senta na última fila. Non fala, non participa, non é problemático, non destaca, salvo en Matemáticas. Cada clase fáiselle máis insorportable ata que Xermán, o profesor de Lingua e Literatura, manda escribir unha redacción sobre a fin de semana. A partir deste intre, Claudio empeza a transformarse en alguén que observa, imaxina e escribe a vida doutros nun relato por entregas para un só lector. Ese relato compartido polo discípulo e o mestre convértese nun xogo cada vez máis perigoso para eles e para quen os rodea. Un xogo que se disputa en dous taboleiros: o da vida e o da literatura. Elenco artístico: Guillermo Carbajo, Roberto Leal, Belén Constenla, Mónica García, Machi Salgado e Rúben Porto.