Trátase dunha mostra con obra diversa sobre papel de 28 artistas galegos consagrados (Máximo Ramos, Castelao, Colmeiro, Arturo Souto, Luis Seoane, Maruja Mallo, Díaz Pardo, Sucasas ... ), encadrados cronoloxicamente entre finais do s. XIX e a 1ª metade do s. XX.
_____Horario de visitas
Luns a venres: 9:00 a 21:00 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Pechado os días: 24, 25 e 31 de decembro, e 1 e 6 de xaneiro.
Entrada gratuíta
ARTE DA ESTAMPA
No dicionario da Real Academia Galega, o gravado defínese como o debuxo ou figura obtidos por calquera dos procedementos para gravar e tamén como a reprodución, impresa en papel, dunha destas figuras ou debuxos que foron previamente gravados para este fin nunha prancha de metal ou doutro material. Esta palabra é aplicada, na linguaxe habitual, tanto para o procedemento utilizado (acción e arte de gravar) coma para o resultado (estampa) que, en xeral, pode denominarse, así mesmo, obra gráfica orixinal.
O gravado considérase unha obra de arte múltiple, unha linguaxe plástica, unha forma de expresión artística moi utilizada en toda a historia da arte que na actualidade configura unha disciplina autónoma con moitos seguidores no eido da creación contemporánea, pero que tamén tivo en tempos unha consideración inferior baseándose na súa vinculación cun oficio concreto ou cun xeito de elaboración artesanal que non identificaba o estampador co artista. Hoxe, ademais, engádeselle a súa contribución na historia da arte grazas a ese rol inicial que tivo como reprodución doutras obras de arte e despois como promotor da “democratización da arte” por tratarse dun “orixinal múltiple”.
O gravado é unha linguaxe universal utilizada ao longo do tempo por distintas culturas pola súa riqueza expresiva. Ten unha gran variedade de resultados en función das diversas técnicas de estampado e da proposta comunicativa do artista en cuestión, pero tamén os materiais utilizados varían enormemente os efectos buscados e fai desta disciplina unha constante busca de novas posibilidades cun carácter netamente empírico que dá lugar a un gran traballo de investigación e grandes posibilidades creativas.
A diversidade/complexidade de técnicas, formas, materiais ou instrumentos e incluso o uso dun vocabulario específico para todo o procedemento e os medios usados, xunto con esa constante innovación froito da devandita experimentación e da innovación técnica, fai que o gravado in illo tempore non fora tan recoñecido e quizais apreciado.
PROGRAMACIÓN COMPLEMENTARIA
10 de xullo, ás 20:00 horas. Visita técnica guiada a cargo de Aurelia Balseiro, comisaria da exposición.
FICHA TÉCNICA
Coordinación e comisariado: Aurelia Balseiro García (directora do Museo Provincial de Lugo)
Colaboración: Lucila Yáñez Anlló e María Quiroga (Departamento de BB.AA.), Matías Liñares (Unidade de Mantemento) e Daniel Rajal.
Documentación: Mercedes Salvador e Blanca Pacín (Biblioteca MPL)
Conservación: Blanca Besteiro García (Dpto. Restauración)
Didáctica: Departamento de Didáctica do MPL
Datas realización: do 5 xuño ao 31 xullo 2014
Lugar: Refectorio MPL
Contido: obra diversa sobre papel de 28 artistas galegos consagrados. (finais do s. XIX- 1ª metade do s. XX)