O cotián na arte contemporánea
Obras da Fundación Alberto Jiménez-Arellano Alonso da Universidade de Valaldolid
Sala de Exposicións do MPLugo
(do 19 de marzo ao 31 de maio de 2014)
A Sala de Exposicións do MPLugo acolle desde este mércores, 19 de marzo, e ata o 31 de maio de 2014 a exposición “O cotián na arte contemporánea”, 36 obras(esculturas, debuxos, pinturas ou gravados) da autoría de 34 artistas pertencentes aos fondos da Fundación Alberto Jiménez-Arellano Alonso da Universidade de Valaldolid. Os visitantes do MPLugo terán a oportunidade de contemplar neste período de tempo obras de referencia de, entre outros, Ana Alvear, Francisco Bores, Rafael Canogar, Martín Chirino, Ismael Gómez de la Serna, Joan Miró, Pablo Picasso, Antonio Saura ou Daniel Vázquez Díaz. A mostra abre ao público o mércores o mércores, 19 de marzo, a partir das 20:00 h.
Horario de visitas
Luns a venres: 9:00 a 21:00 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Pechado os días: 24, 25 e 31 de decembro, e 1 e 6 de xaneiro.
Entrada gratuíta
As obras que se poden ver nesta exposición forman parte dos fondos artísticos da Fundación Alberto Jiménez-Arellano Alonso, constituída en 2004 por acordo entre a Universidade de Valladolid e a familia. A fundación ten a súa sede no Palacio de Santa Cruz, onde se sitúa o Reitorado da Universidade.
Os seus obxectivos son a potenciación do gusto pola arte e o seu estudo, tanto na comunidade universitaria como na sociedade en xeral; o fomento das actividades artísticas, culturais e educativas relacionadas coas coleccións que alberga, así como a conservación e difusión dos seus fondos.
Aínda que a Fundación Alberto Jiménez-Arellano Alonso foi especialmente coñecida nos últimos anos pola súa magnifica colección de arte africana, composta por terracotas centenarias, a pintura e a escultura de diversas épocas constitúen outra parte significativa da colección. Nela poden encontrarse desde un destacado conxunto de escultura china en terracota, ata obras do renacemento español ou do barroco europeo, con pinturas de Yánez de la Almedina, Hieronymus Janssens ou Alfred Stevens, por exemplo.
Non obstante, entre as máis de trescentas pezas deste fondo pictórico e escultórico, destaca o conxunto de arte contemporánea na que sobresaen nomes das vangardas históricas nacionais e internacionais do século XX como: Pablo Picasso, Joan Miró, Daniel Vázquez Díaz, Eduardo Chillida, Agnes Denes, Antonio Saura, Manolo Millares, Martín Chirino, Pablo Palazuelo, Águeda de la Pisa, Luis Gordillo, Rafael Canogar, Adolfo Scholosser, Esteban Vicente, Moisés Villelia ou Magda Bolumar, por citar algúns dos máis coñecidos. A colección é especialmente rica en nomes de artistas que sinalan en España o paso entre os séculos XX e o XXI como: Carmen Calvo, Teresa Lanceta, Dis Berlin, David Israel, Isidro Blasco, Mar Solís, Ricardo Cárdenas, Marina Núñez, Esther Pizarro ou Blanca Muñoz.
As posibilidades de lectura da colección son moitas, téndose elixido como eixe narrativo para esta exposición a presenza do cotián na arte contemporánea. Unha arte que, a pesar de ser a máis próxima ás nosas vidas, ten aínda unha marca de certo elitismo e dificultade. Non obstante, a arte dos séculos XX e XXI, como en todos os momentos da historia, nútrese do que nos rodea habitualmente: desde o tanxible, coma os obxectos ou os materiais, ao intanxible como os sentimentos e as sensacións que a maioría dos seres que compartimos un tempo podemos entender. Así, Marina Núñez ofrécenos unha visión contemporánea da loucura, aínda que fonde as súas raíces nunha tradición pictórica, perfectamente recoñecible, ou relee a paisaxe da campiña castelá e os seus pombais na serie Ciencia Ficción.
Os códigos cartográficos deveñen signos artísticos nas obras de Agnes Denes e Esther Pizarro, mentres que ese obxecto tan cotián, nas nosas casas, coma é a cunca do almorzo se converte nunha especie de Grial en mans de Gonzalo Sicre, a area volcánica transfórmase en materia pictórica na Paisaxe audible, de Ildefonso Aguilar, e o duro metal de A Sabina, de Martín Chirino, parece deixarse dobrar polo vento.
Teresa Alario Trigueros
Comisaria da exposición. Membro do padroado da Fundación
Artistas con obra nesta exposición:
Amósanse un total de 36 obras de 34 artistas: 28 debuxos, pinturas ou gravados e 8 esculturas.
Alfredo Alcaín. Ildefonso Aguilar. Ana Alvear. Wahington Barcala. Magda Bolumar. Francisco Bores. Jose Manuel Broto. Carmen Calvo. Rafael Canogar. Ceesepe. Ángel Mateo Charris. Martín Chirino. Agnes Denes. Dis Berlin. Ismael Gómez de la Serna. Patricia Gadea. Concha Gay. Abrahan Lacalle. Teresa Lanceta. Joan Miró. Blanca Muñoz. Marina Núñez. Pablo Picasso. Águeda de la Pisa. Esther Pizarro. Manuel Rivera. Gerardo Rueda. Antonio Saura. Gonzalo Sicre. Mar Solís.