Noticias de Hoy
Neira
Fecha: 12/06/2014 a 31/07/2014
Horario: 01:00 a 01:00

Neira Brochs. Emocións 1960-2014

Neira Brochs. Emocións 1960-2014.

A calidade creativa de Neira vai pegada á súa calidade humana e xa era hora de que se lle fixera o recoñecemento que se merece por toda unha vida dedicada ao difícil mundo da arte. O seu carácter reflexivo, pouco interesado polo “mundanal ruído”, dentro da liña de Brancusi cando dicía que ser intelixente non está mal, pero vale máis a pena ser honesto, fixo que case ninguén se decatara de que é dos poucos artistas lucenses vivos con obra no Raíña Sofía (CNARS). Porén, esta mostra retrospectiva de tantas décadas de fecunda produción artística pretende amosar todas as modalidades de expresión plástica nas que leva traballado: escultura, pintura, debuxo, deseño, vidro, cerámica.

Naceu en Viveiro, en 1941, e sobre a súa aptitude artística lembra que cando era un neno, con tres anos, pintaba nunha parede branca que o seu avó lle encalaba para que debuxara nela. Foi quizais, neses intres, cando se decatou do moito que lle gustaba debuxar e con vinte e dous anos marcha da súa casa a seguir esa vocación.

Os seus persoais avatares biográficos fanlle acumular vivencias como a do París de maio do 68, ou o Berlín dividido polo muro da vergoña, tempos nos que consolidou a súa dedicación ao difícil mundo da creación, buscando camiños de desenvolvemento persoal e independencia creativa que o levan a abandonar un posto de funcionario de correos. Do ano que estivo en París, regresou coa mochila lixeira, pois tirou toda a súa obra ao Sena (agás unhas poucas pinturas). Logo, regresou a Madrid quince anos onde descubriu o mundo das vidreiras comezando a traballar nese oficio cos irmáns Atienza ata que, decidido a actualizar os procedementos antigos con deseños novidosos, se independizou volvendo á Mariña para establecerse definitivamente, no ano 1976, en Area, onde traballa coa paciencia e rigor dun artesán atendendo os encargos que lle fan e deixando a obra pictórica como desafogo creativo persoal porque é na pintura onde se sente máis libre.