Noticias de Hoy
vertixe sonora
Fecha: 26/11/2013
Horario: 20:00

Música e arquitectura en diálogo

Música e arquitectura en diálogo no último concerto do ano do ciclo Do Audible en Lugo

A música en diálogo coa arte, coa ciencia e co pensamento contemporáneos é o eixo arredor do que se configura ‘Do Audible’, unha proposta de Vertixe Sonora Ensemble e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O ciclo que arrancou en xuño na Coruña e Ourense, despídese agora en Lugo, na Casa do Saber do campus universitario tras recalar a principios de mes en Pontevedra. O concerto contará ademais coas explicacións divulgativas e amenas do musicólogo Emilio Lede e a participación do arquitecto Alfredo Sirvent, que explicará por que música e espazo teñen tanto que ver.

Vertixe Sonora Ensemble aborda as relacións entre música, espazo e arquitectura nun concerto no que interpretará as obras 24 de Manuel Rodríguez Valenzuela, Rebonds de Ianni Xenakis e Durban de Ramón Souto. O ciclo Do Audible abordou desde o mes de xuño as relacións da música coas palabras, o aspecto visual e a natureza en diferentes programas que contan coa participación de expertos que introducen os concertos.

Nesta ocasión contará coa participación do arquitecto Alfredo Sirvent, que abordará un tema tan interesante como a configuración arquitectónica dos espazos de recepción da música. Ademais, entre música e arquitectura danse paralelismos como un vocabulario compartido: plano, ritmo, estrutura, eixo ou emprego de ferramentas de cálculo matemático. Definitivamente, ambas disciplinas parecen destinadas a entenderse.

Luigi Nono escribía no seu ensaio De outras posibilidades de escoita (1985): ”Partimos do son. De que é o son. De cómo cualificar o son. De como facer reverberar o son. De como o espazo compón o son. De cómo o espazo intervén na transformación do son. De como o son sucede no espazo, precisamente na dimensión combinatoria dos diferentes sons segundo as diferentes tipoloxías de espazo”. Grandes autores coetáneos como Xenakis, Stockhausen, Boulez ou Lucier, considerarán cruciais aspectos como a proxección, a resonancia ou a reverberación

O martes 26 de novembro en Lugo Vertixe Sonora Ensemble contará coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e do Grupo de Danza Contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo para a obra de Iannis Xenakis Rebonds (1987-89).

Web: www.vertixesonora.net