Noticias de Hoy
Soledad Mendive
Fecha: 01/06/2014
Horario: 19:00

Música Acordada con Soledad Mendive

Música Acordada: Acordes, cordas e acordos.

Este proxecto musical nace en 2012 cando varios músicos e profesores de corda de Galicia, interesados na interpretación da música dos séculos XVII e XVIII, deciden fundar unha orquestra para interpretar composicións deste período. Dende entón veñen actuando ao longo da xeografía galega: Rois, Santiago, Lugo, Ferrol, Ourense e Celanova.

Música Acordada pretende facer a súa pequena achega ao panorama musical galego no que á interpretación barroca se refire, recreando e gozando coa música desta época.

O Barroco foi un dos períodos máis frutíferos e creativos da historia da música culta occidental, en particular no que se refire á musica de corda. É nesta época cando se asentan as bases para a formación da Orquestra como a coñecemos hoxe en día. É durante o século XVI e primeira metade do XVII cando acadan o seu máximo esplendor construtivo os instrumentos de corda fretada da familia do violín. Nestes anos os compositores deseñan as estruturas musicais que posteriormente permitirán avanzar cara ás grandes formas clásicas e románticas.

Aínda que Música Acordada utiliza instrumentos actuais tenta obter con eles a sonoridade máis próxima á que se supón sería a do Barroco, tentando empregar criterios historicamente informados e usando as fontes que consideran máis próximas ás orixinais. Non en van algúns dos membros desta orquestra teñen formación especializada neste período histórico musical, así como experiencia en distintas agrupacións ”de época”.

Nas fontes impresas non sempre se indican todos os detalles que despois soarán no escenario na versión de concerto. As prácticas interpretativas, as posibles improvisacións aceptadas por acordo tácito entre os intérpretes da época, a regulación dos matices dinámicos, fraseos, e mesmo un aspecto tan concreto coma a afinación do conxunto, todo se discute e se comenta até chegar a un acordo. O resultado final non é definitivo, non é máis que un acordo de entre os posibles. Ese é o principio máis fermoso, interesante e creativo da música de conxunto: reunirse, tocar, discutir, dialogar, volver tocar para finalmente recrear unha e outra vez a música e a estética dunha época.

Este é o motor que motiva aos membros de Música Acordada: acordes, cordas e acordos.