Exposición Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló en Lugo
Do 19 de setembro de 2013 ao 18 de xaneiro de 2013
A exposición, emprazada no centro sociocultural da entidade en Lugo, Praza de Santa María, s/n, permanecerá aberta ata o 18 de xaneiro de 2014 e poderá ser visitada en horario de luns a venres e de 18.00 a 21.00 h., sábados de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 h. Esta exposición, composta por 51 obras gráficas seleccionadas entre os fondos da colección Fundación Novacaixagalicia, permite coñecer mellor a obra dalgúns dos mestres da arte española do século XX, entre os cales, sen ningunha dúbida, destacan tres grandes xenios internacionais da pintura que o foron tamén da arte da estampa: Salvador Dalí, Pablo Picasso e Joan Miró.
No proxecto expositivo o visitante atopará gravados de Dalí, como os que ilustraron as obras literarias Cantos de Maldoror (1934), O Quixote (1957) ou A Divina Comedia (1960); obras calcográficas de Miró; o auxe do Picasso gravador dos anos corenta con obras como a da serie de A Celestina; as estampas editadas nas edicións de La Rosa Vera dirixida polo gravador Jaume Pla; obras dos artistas Joaquín Sunyer, Albert Ràfols Casamada, Guinovart, José Caballero, Saura Chillida ou Fernández Pijuán;así como as estampas producidas polo grupo vangardista Dau al Set no que destaca a figura de Tápies. Con esta nómina de artistas a mostra ofrece un percorrido fiel pola arte calcográfica española dos últimos tempos, no que a arte gráfica nas súas distintas técnicas de gravado, litografía e serigrafía reivindica definitivamente o seu valor técnico, estético e diferenciado respecto do resto das manifestacións artísticas.