Noticias de Hoy
merca o teu
Localidad: Lugo (Concello)
Fecha: 21/12/2017 a 05/01/2018

Mercado de Nadal 2017 de Lugo

Aberto o Mercado de Nadal da Deputación abre con 12 postos de artesanía, demostracións, obradoiros, maxia e música.

  • Campos Conde inaugurou este xoves o mercado que promove a artesanía e dinamiza o comercio que estará aberto na Praza de Marcos ata o 5 de xaneiro. Na apertura actuaron os artistas Iria Estevez e Gonzo Piña do grupo Chave de Fado
  • Haberá máis de 12 actividades gratuítas como demostracións en vivo de oficios tradicionais, obradoiros para nenos, actuacións das corais da provincia e de maxia

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, inauguraron este xoves o Mercado de Nadal, que organiza o Goberno Provincial na Praza de San Marcos para promover a artesanía e dinamizar o comercio, pois 12 profesionais do sector teñen á venda os seus produtos e inclúe a celebración ducias de actividades gratuítas como demostracións en vivo de oficios tradicionais, obradoiros para nenos, actuacións das corais da provincia e de maxia. Xunto ás que organiza o Concello de Lugo, durante estes días celebraranse numerosas actividades para todos os públicos. Campos Conde avanzou que “este é un dos mercados máis representativos da cidade e que, ano a ano, medra. De feito, nesta ocasión contamos cun total de 12 artesáns da provincia que venderán os seus produtos nesta praza durante os vindeiros 15 días. Trátase dun lugar perfecto para que os veciños e veciñas fagan as súas compras de Nadal e coas que ademais de fomentar as compras de cercanía e dinamizar a economía destes profesionais, poñemos en valor o sector da artesanía na nosa provincia”.

Na apertura deste Mercado de Nadal da Deputación actuaron os artistas Iria Estevez e Gonzo Piña do grupo Chave de Fado. Estará aberto ata o 5 de xaneiro. Pechará o 25 de decembro e 1 de xaneiro. Os postos abrirán de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. O 24 e 31 de decembro abrirán de 11:00 a 14:00 horas, e o horario de tarde será de 16:00 a 18:30 horas.

Programación das actividades diarias

Todas as actividades infantís que se ofrecen, son completamente gratuítas, é o horario de celebración é de 17:00 a 19:00 horas, na caseta habilitada na Praza de San Marcos.

Venres, 22 de decembro
Benvida aos mais cativos con actividades de animación e musicais

Sábado, 23 decembro
Confección de postais e adornos de Nadal

Martes, 26 de decembro
Pintacaras, xogos musicais e cantos de panxoliñas

Mércores, 27 de decembro
Xogos tradicionais

Xoves, 28 de decembro
Globoflexia, xogos con globos e confección de pulseiras

Venres, 29 de decembro
Obradoiro de materiais reciclados

Sábado, 30 de decembro
Festa infantil, con xogos musicais, coreografías, guerra de cancións e lanzamento de chulerías
para todos os asistentes, onde poderán tamén participar os acompañantes.

2, 3 e 4 de xaneiro de 2018
Na primeira semana de xaneiro haberá actuacións de maxia coa actuación do Baul do Mago. O espectáculo deste artista desenvolvese no interior dunha caravana reconvertida nun teatro, pero non nun teatro calquera, probablemente, o máis pequeno do mundo. O horario desta actividade, que organiza O Concello de Lugo dentro das seu programa de Nadal, será dende ás 12:00-14:00 horas, e pola tarde dende ás 17:00-21:00 horas.

Obradoiros

Ademais durante estas datas de Nadal a Deputación ofrece dous obradoiros en vivo, na propia Praza de San Marcos, un de forxa e outro de zocas. O horario de exhibición destas actividades é dende ás 19:00 ata ás 21:00 horas.

23 de decembro
Demostración de forxa por Víctor Manuel Uriz Carreira. Este lucense é un dos novos valores da arte do ferro na provincia. Xa participou en diversas exhibicións, feiras e encontros adicadas a este sector.

30 de decembro
Exhibición do zoqueiro mariñán Alberto Geada. Este artesán é un referente do calzado de madeira. Geada realiza unha exhibición amosando como traballan as ferramentas que se utilizaron durante séculos na elaboración do calzado, ferramentas de orixe prerromano, empregando técnicas de traballo con centos de anos de tradición.

Artesáns

Os participantes no Mercado de Nadal da Deputación son todos profesionais de toda Galicia, que crean pezas propias. Os materiais que empregan son transformados dende unhas materias primas autóctonas: ferro, coiro ou cerámica, entre outras. Os 12 participantes son os seguintes:

- Adolfo Domínguez: Este artesán participa co posto Amalgama. Leva máis de 20 anos dedicados a traballar con xoiería e posúe unha tenda na cidade, Amalgama, na que ofrecen talleres e espazos para achegar á xente a artesanía.

- Roberto Lascano Lascano: Artesanía o mestizo é o nome do posto co que participa este artesán no Merca en Lugo polo Nadal. Roberto ten unha tenda online http://omestizo.blogspot.com.es/ na que vende todos os produtos que produce con coiro como bolsos, mochilas ou carteiras entre outros, mesturando técnicas galegas e de distintos puntos do mundo como Sudamérica.

- Inmaculada Díaz Cabado: Esta artesá participa co posto Barro en vivo, como o nome do taller que ten na cidade de Lugo. Esta ceramista amosará parte do seu traballo como cuncos, animais ou debuxos animados, entre outros, que deseña, crea e pinta ela mesma.

- Ana María Alonso Pérez: Esta artesá participa co posto Cabuxa, na que ofrecerá todo tipo de marroquinería en coiro como bolsos, mochilas, moedeiros ou billeteiras. Todo o proceso de creación cóidao ao detalle, dende a selección das peles en curtidurías nacionais e italianas sustentables, ata o procesado, a estampaxe e o ensamblado manual de cada peza.

- Carla Alfaia: Esta artesá coruñesa realiza xoiería artesanal en prata de lei, concretamente coa técnica da filigrana, que intenta recuperar do esquecemento aportándolle un toque máis contemporáneo.

- María Isabel Carril Quiroga: No ano 2011 decide emprender un novo camiño e centrarse no ganchillo e as manualidades, dedicarse exclusivamente á cerámica, coa apertura dunha nova tenda online www.lanalutum.com. No seu posto Lanalatum ofrecerá artesanía utilitaria como pratos, vasos ou cubertos, tamén produtos de decoración y de xoiería: colares, aneis, pendentes, etcétera.

- Ana Belén Barral Valiña: Esta artesá que participa no Merca en Lugo polo Nadal, co seu posto Lucecús, crea complementos de moda con feltro e bonecos de lá realizados coa técnica de tecer xaponesa amigurumi. Todos os produtos son feitos a man e encárgase de todo o proceso, dende os deseños ata o empaquetado.

- Mónica García Grandío: Dedícase á artesanía dende fai cinco anos, ao quedarse sen traballo e dispoñer de máis tempo libre comezou a facer cousas para a súa nena Marina, que da nome ao seu posto Complementos Mis Marinillas, no que vai a expoñer diferentes complementos de moda e deseño.

- Alfonso Otero Regal: O nome do posto é Regal Cerámica Artesán. É de Nois pero leva traballando todo a súa vida en Viveiro. Amosa os produtos de cerámica elaborados en gres a alta temperatura e decorados a man por el mesmo.

- Adriana Romaní Posse e Javier De Castro Rodríguez: son os dous artesáns que compoñen este taller de marroquinería situado no municipio da Pobra do Brollón. Levan máis de 20 anos traballando con curtido vexetal ecolóxico coa técnica centenaria do armado en coiro, que se poderá apreciar no seu stand Senda.

- Ana Isabel Novo Barreiro: Co seu posto Tres Caracoles, amosa todo o seu traballo co coiro como moedeiros, bolsos, fundas de móbil, entre outros complementos. Dedícase profesionalmente dende fai 5 anos e ten un taller/tenda na cidade de Lugo onde se exhiben todos os produtos feitos a man por expertos artesáns.

- Rosa María González Alonso: Co seu posto Zimzelatum ofrece pezas e coleccións de xoiería e decoración, partindo da materia prima (prata, cobre, alpaca ou latón normalmente en chapa) e decorándoas con técnicas de cincelado, batido ou picado.