Noticias de Hoy
MARIANNE BEATE KIELLAND
Fecha: 31/05/2014
Horario: 21:30

Marianne Beate Kielland con The Rare Fruits Council dirixida por Manfredo Kraemer

MARIANNE BEATE KIELLAND, mezzosoprano

A revista Gramophone escribe sobre Marianne Beate Kielland "A mezzosoprano é excepcional: forte, firme, sensible nas modulacións, imaxinativa no tratamento das palabras, cunha calidade de voz pura, ampla no seu alcance e sen desmaio na afinación."

Estudou na Musikkhøgskole norueguesa con Svein Bjørkøy, e completou a súa formación con Oren Brown e Barbara Bonney, abarcando dende o repertorio barroco ata a música moderna. Marianne consolidouse como unha das cantantes máis importantes de Escandinavia, prodigándose en concertos en Europa e Xapón, baixo directores como Phillippe Herreweghe, Fabio Biondi, Jordi Savall, Rinaldo Alessandrini, Christophe Rousset, Marc Minkowski, Masaaki Suzuki, Pierre Cao, Arvid Engegård, Thomas Søndergård, Eivind Gullberg Jensen, Thomas Dausgaard, Jos van Immerseel, Joshua Rifkin, Manfred Honeck, Daniel Reuss e Christian Eggen.

Marianne foi en 2012 nomeada para un Grammy na categoría "Mellor Álbum Vocal Clásico" polo disco "Veslemøy Synsk" de Olav Anton Thommessen. Conta cunha discografía de 30 títulos que recolleron premios e eloxios da crítica especializada.

THE RARE FRUITS COUNCIL

Do interese común dos seus integrantes por explorar un dos xéneros de cámara por excelencia do barroco, a triosonata para dous violíns, naceu The Rare Fruits Council (Asesoría en Froitas Exóticas). Dende unha formación xerminal de catro músicos, e ampliada ou reducida segundo o repertorio, a testemuñada intensidade e unha maneira nunca neutra de facer música, permitiron ao ensemble gañar a moitos “adeptos” entre os seus oíntes, e obter ao longo dos anos os eloxios máis superlativos da crítica internacional: luminoso, brillante, apaixonado - desmesura e talento tolo dos seus intérpretes, transportados por un verdadeiro frenesí - virtuosismo descomunal - paixón desbordante - expresividade infinita foron algúns dos cualificativos que describiron os seus discos e concertos.

Colaboradores asiduos de grupos e músicos da talla de Musica Antiqua Koln, Les Arts Florissants, Concerto Koln, René Jacobs, Jordi Savall e moitos outros, desenvolven tamén actividades como solistas, directores e docentes, gozando dun sólido prestixio nos variados ámbitos da escena barroca actual. Así, con formacións variables presentáronse en toda Europa, Asia e América do Norte e do Sur. Gravaron, entre outros, para os selos discográficos Deutsche Grammophon Gesellschaft, Harmonia Mundi, Alpha, Opus 111 e Naïve/Auvidis-Astrée.

O debut discográfico de The Rare Fruits Council, Harmonia Artificioso-Ariosa, de H. I. F. Biber, gañou o Diapason d’Or e o Grand Prix da Académie du Disque, e foi unanimemente aclamado pola prensa especializada internacional como a gravación de referencia de dita obra.

Sonatae, tam Aris quam Aulis servientes, do mesmo Biber, foi finalista dos Gramophone Awards e obtivo en Francia o Diapason d’Or do ano.

Outras producións discográficas inclúen: Triosonatas de J.S. Bach, unha controvertida lectura con paixón e con fundamento, que motivou entre a crítica extremos incondicionais, entre o entusiasmo e o horror (sensacional - un disco para esquecer - a contaxiadora excitación e incondicionalidade coa que abrazan a música atrapa completamente ao oínte); Anxo e Diaño, unha xustaposición discográfica de Jean-Marie Leclair e Pietro Locatelli, e máis recentemente Rariora&Marginalia, unha selección de “froitos musicais” escasamente difundidos de Muffat, Böddecker e Bertali, entre outros. Scottish Songs reúne pezas de Haydn con obras de idéntica inspiración, practicamente descoñecidas, de Francesco Geminiani, e o último CD Venise presenta obras de Johann Rosenmüller, Giovanni Legrenzi e Alessandro Stradella.

O nome do grupo, unha alusión aos floridos títulos naturalistas de moitas edicións musicais do período barroco, é tamén suxestión dun propósito estético: como na adiviña, descubrir o familiar escondido tras un traxe exótico, ou como na arte, iluminar dende unha perspectiva inusual, a prol dun renovado asombro, un obxecto que era xa coñecido e atraínte.