Noticias de Hoy
Fecha: 18/03/2014
Horario: 20:00

Marc Heredia

O pianista barcelonés Marc Heredia ofrece este martes, día 18 de marzo de 2014, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber, un concerto no auditorio da Casa do Saber de Lugo, no que interpretará un repertorio composto por obras de Chopin, Mompou, Wagner e Liszt.

Nacido en 1988, Marc Heredia Trechs iniciou os seus estudos de piano á idade de tres anos coa profesora Trini Ramírez e continuou a súa formación con Cecilio Tieles, con quen concluíu o Grao Superior de Piano coa máxima cualificación no Conservatorio Superior de Música do Liceu. Heredia tamén recibiu clases do pianista José Enrique Bagaría e, máis tarde, entre os anos 2008 e 2012 continuou a súa formación no Escuela Superior de Música Reina Sofía cos profesores Dimitri Bashkirov, Denis Lossev e Claudio Martínez Mehner, con quen está a cursar un Máster of Arts na Hochschule für Musik de Basilea, en Suíza.

Marc Heredia realizou clases maxistrais con importantes pianistas, como Lang Lang, Ferenc Rados, Joaquín Soriano, Josep Colom, Joaquín Achúcarro, Pavel Gililov, Mikhail Voskresensky ou con Antoni Ros Marbà, ao tempo que tamén foi bolseiro pola Asociación de Artistas, Intérpretes ou Executantes e a Fundación Albéniz.

Premiado en numerosos concursos nacionais e internacionais, Marc Heredia chega a Lugo logo de ter actuado en importantes salas, como o son o Auditorio Nacional e a Fundación Juan March, en Madrid, o Palau da Música de Barcelona, así como noutras alas de España, Francia e Suíza.

O concerto que protagonizará Marc Heredia esta tarde na Casa do Saber de Lugo estará estruturado en dúas partes. Na primeira, este novo pianista barcelonés interpretará pezas compostos por Frédéric Chopin e Federico Mompou, mentres que na segunda parte da súa actuación ofrecerá composicións de Richard Wagner e Franz Liszt.

Esta actuación encádrase dentro do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2014’, un programa organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento do Concello e da Deputación de Lugo, ademais da Universidade de Santiago de Compostela. A entrada para asistir ao concerto é libre e de balde e o aforo é limitado.