Noticias de Hoy
Localidad: Lugo Ciudad
Fecha: 16/02/2017
Horario: 20:30

Ilmaquinario Teatro presenta: Resaca, en Lugo

Ilmaquinario Teatro presenta: Resaca, en Lugo.

Resaca é a terceira montaxe de ilMaquinario Teatro, despois do éxito de O Home Almofada (2012) e Perplexo (2014). Tras estes dous espectáculos creados a partir de obras de autores estranxeiros, a compañía quere apostar por unha dramaturxia de creación colectiva achegada ás premisas do teatro documental.

Resaca é un espectáculo multidisciplinar no que o teatro conversa coa performance, a poesía, a narración oral e a música en directo para tratar de recompoñer a historia da vida de Álex, unha persoa común que dalgunha maneira resume e simboliza o sentir dunha xeración que continúa buscando o seu lugar nun mundo que se atopa en proceso constante de transformación e crise.

Resaca é o resultado dun traballo documental sobre a memoria familiar e afectiva de todos os membros de ilMaquinario Teatro, a través da súa relación cunha persoa recentemente desaparecida. A reflexión sobre a súa perda activa a súa necesidade para salvagardar a memoria común fronte a vertixe cotiá que nos empurra cara adiante sen ter en conta a importancia do pasado. Quizais non exista mellor momento que o de agora para falar de alguén a través de quen recoñecernos con todos os nosos medos, desexos, dúbidas, ledicias e miserias.

Resaca xoga cos mecanismos do teatro documental ofrecendo un espectáculo vital no que os intérpretes intentan comprenderse lendo, cantando, rindo, escoitando, bailando e respirando a vida das persoas que nos habitan e que xa non están entre nós. Unha viaxe na que o espectador transitará polos territorios da tenrura, a comicidade, a reflexión e a emoción da man de cinco intérpretes que fan das súas propias vidas materia escénica.

SINOPSE

No verán de 2016, cinco amigos deciden xuntarse co ánimo de reconstruír a súa propia memoria xeracio- nal e familiar a través da historia dunha persoa común que desapareceu e marcou as súas vidas: Álex. Unha morea de cadernos, centos de pensamentos, conversas, fotos, vinilos, casetes e obxectos diversos son os materiais empregados como punto de partida para unha investigación que tamén se converte en descuberta persoal por parte de cada un deles. Como influíron na conformación do discurso individual os nosos referentes? Cantas versións diferentes poden existir sobre un mesmo recordo? De que maneira nos pode salvar a memoria da vertixe dun mundo de ritmos cambiantes e imparables?

Reflexionando sobre esas preguntas, tratan de revivir certos momentos do pasado transitando entre os límites da realidade e a ficción para poder comprender algo do presente e o futuro, para entender a importancia de estar dun lado ou outro da mesa, para procurar espazos de pausa e rebeldía nos que poder investigar sobre as orixes.

Resaca é o resultado da investigación documental dos vestixios deixados por Álex, unha tentativa por recompoñer a historia de alguén a quen non acabaron de coñecer de todo. Un xeito de falar dunha xeración a través dunha persoa común.

Un espectáculo sobre a resaca da existencia. Unha celebración da vida e da amizade.

A DRAMATURXIA

A dramaturxia de Resaca é unha composición que nace desde a memoria e desde o amor para rescatar da fugacidade e do esquecemento a nosa propia identidade.

A partir da necesidade afectiva de recompoñer a vida dunha persoa que morre inesperadamente, iníciase un proceso documental co que cubrir os baleiros do descoñecemento. Será a través dos residuos materiais desa persoa, da ficcionalización dos ocos da desmemoria e da xenerosa achega de vivencias persoais, que dúas actrices, dous actores e un músico poñan en escena o relato dunha xeración intoxicada polo exceso de información e a acumulación de obxectos de consumo. Conscientes de que os restos
das vidas pequenas deveñen en lixo, fan un percorrido emocional a través das lembranzas e dos vínculos para transformar o irrelevante en poesía.

Resaca é un tecido de creación colectiva estruturado a partir dos referentes xeracionais, a intertextuali- dade e a experiencia persoal dos integrantes do grupo, cuxa visión e posición política aporta o materi- al para a reconstrución da historia da vida dunha persoa común.

A través do teatro documental; da poesía; da música; da narración; do movemento e dos obxectos, os intérpretes reconstrúen e liberan a memoria de Álex, unha amiga que acaba de desaparecer para sempre.