Hércules Brass
Hércules Brass Quinteto de metais nace no ano 2012 e está formado por novos profesionais de vento metal nas súas diferentes especialidades: trompeta, trompa, trombón e tuba.
A pesar da súa xuventude Hércules Brass obtivo o Primeiro Premio do IV Concurso de Vent-Metall Valeriano Machi i Esparza en Benimodo (Valencia) e foi finalista no 8th International Jan Koetsier Competition for Brass Quintet celebrado en Múnic e semifinalista no 8th International Chamber Music Competition en Lyon (Francia).
Todos os seus compoñentes teñen unha longa experiencia tocando xuntos, principalmente na Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia e na Joven Orquesta Nacional de España, afondaron na música de cámara no Curso de Especialización de Música de cámara na EAEM (Escola de Altos Estudos Musicais) de Santiago de Compostela.
O seu interese por ampliar e dar a coñecer o repertorio para quinteto de metais é patente no feito de que compositores galegos como Xoan Antón Vázquez, Fernando Arias, Juan Durán lle dedicaron obras. Así como a súa participación no proxecto Un Bico un Cantar, interpretando arranxos para 400 nenos e nenas e metais, organizado polo Consello da Cultura Galega.
En Decembro de 2012 foron invitados pola JONDE para participar como profesores na Orquesta Manuel María Gutiérre de Costa Rica; así como nunha serie de concertos.
O novo ensemble actuou en Galicia, Zamora, País Vasco, IX Curso Internacional Semana Musical de Salceda de Caselas, Festival Spanish Brass Alzira 2013, Festival Ticino Musica 2013 (Suíza) como quinteto residente e cabe destacar a súa actuación como solista coa Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia.
Alejandro Vázquez, trompeta
Ourense, 1986. Dende os comezos recibe clases do mestre John Aigi Hurn e ingresa na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia onde estuda con Javier Simó. Cursa os seus estudos superiores en Musikene co mestre Luís González e un máster no Conservatorio de Ámsterdam con Frits Damrow. Pertenceu a diversas novas orquestras como ONSG, JONDE, NJO… Actualmente colabora coa Orquestra Sinfónica de Galicia, Orquesta Ciudad de Granada, Orquesta Sinfónica de Bilbao, Sinfónica de Euskadi, Real Filharmonía de Galicia, Juvenil Simón Bolívar, Orquestra Nacional de Oporto e Royal Concertgebouw Orchestra, realizando gravacións e xiras por todo o mundo.
Victor Vilariño, trompeta
Cirela, 1987. Inicia os seus estudos musicais co mestre Bernardo Hermida e licenciase no Conservatorio Superior de Vigo con Luis González Amosa e Adolfo Caride. Foi membro da EAEM, da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia e da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE). Grava un disco co premio da Fundación Paideia e os estudios Mans e foi gañador do Concurso de Novos Intérpretes “José Valcárcel”. Colabora coas orquestras Sinfonietta de Vigo, Orquesta Joven Teresa Carreño, Joven Orquesta Simón Bolivar, Orquesta Ciudad de Granada, Real Filharmonía de Galicia, e Orquestra Sinfónica de Castilla y León. Actualmente está realizando un Máster en Especialización Orquestral na EAEM.
Javier González, trompa
Agolada, 1987. Remata os seus estudos superiores no Conservatorio de A Coruña e é seleccionado para participar nos premios á excelencia musical, organizado pola Xunta de Galicia no ano 2011. Foi membro da OJSG, Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e da JONDE. Colabora con distintas orquestras como Real Filharmonía de Galicia, Orquesta de Extremadura, Orquesta Sinfónica de Castilla y León, Orquesta del Teatro Lírico de Barcelona e Orquesta Sinfónica de Gijón. Na actualidade cursa un Máster en Especialización Orquestral na EAEM baixo a tutela de Jordi Ortega.
Esteban Méndez, trombón
Meaño, 1989. Foi alumno da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia, Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, Joven Orquesta Nacional de España, Nationaal Jeudg Orkest e Schleswig-Holstein Musik Festival Orchestra. Colabora con orquestras como a Orquestra Sinfónica de Galicia, Orquesta Sinfónica de Bilbao, Orquesta Ciudad de Granada, Sinfónica de Euskadi, Orquesta Sinfónica de RTVE, Orquesta Sinfónica de Madrid, Qatar Philarmonic Orchestra e Orquesta del Palau de les Arts de Valencia entre outras.
Rodrigo Rodríguez, tuba
Viveiro, 1986. Estuda en Viveiro, A Coruña e Oviedo onde se licenza na especialidade de tuba no Conservatorio Superior de Oviedo co mestre Alfonso Mollá, tralo seu paso por Lyon, Francia, cos mestres Arnaud Boukhetine e Mel Culbertson. Formou parte da Orquestra Nova Sinfónica de Galicia e da bolsa de instrumentistas da JONDE.