A Fundación Novacaixagalicia inaugurará mañá no seu centro sociocultural de Lugo a mostra «Fotógrafos da natureza 2014. European Wildlife Photographer of the Year». Logo da súa estrea na cidade da muralla, este proxecto expositivo itinerará por outros centros da fundación en Galicia.
O concurso European Wildlife Photographer of the Year iniciouse no ano 2000, promovido pola Asociación Alemá de Fotógrafos da Natureza (gdt nas súas siglas en alemán). Ao longo dos seus trece anos de vida, o número de participantes foi aumentando de maneira notable, de tal xeito que o á convocatoria do ano 2013 presentáronse un total de 1328 fotógrafos, procedentes de 39 países europeos, con 16.542 imaxes. A fotografía gañadora, Movementos nocturnos, do británico Alenxander Mustard, estará tamén exposta en Lugo.
A Fundación Novacaixagalicia, entidade herdeira da obra social e cultural das caixas de aforros, ten entre os seus obxectivos fundacionais o fortalecemento do tecido social galego, o fomento do emprego e a difusión da cultura nas súas múltiples facetas e manifestacións. Logo de se adaptar ao actual contexto socioeconómico que a situou perante novos sistemas de xestión, a entidade continúa a traballar a prol dos seus propósitos fundacionais e primixenios, porque segue a ser consciente de que o fortalecemento do sector social e cultural é fundamental para o avance de Galicia.