O FIV de Vilalba está de volta. Celebrará este 2021 a súa 14ª edición, os días 17, 18 e 19 do próximo mes de setembro. Unha oferta musical que naceu anos atrás ao amparo das Festas Patronais de Vilalba e que, tras máis dunha década de historia, foi adaptándose aos tempos ata converterse nun referente do calendario festivaleiro nacional. Foi a partir da cuarta edición cando o festival adquiriu entidade propia, celebrándose ininterrumpidamente nos meses primaverais ano tras ano; ata a chegada da covid-19. Agora, tralo parón provocado polas circunstancias sanitarias, o FIV de Vilalba está, por fin, de volta; e faino adaptándose aos tempos.
Trátase dun evento único, no que a música se mestura con outras disciplinas atractivas que completan a experiencia. Un acontecemento clave para Vilalba, que pode desenvolverse grazas á aposta do concello por manter esta cita nun ano complexo, e que supón para a localidade unha inxección importante na revitalización económica, tan necesaria trala crise dos últimos meses. Emprego, promoción da localidade, e atracción do turismo. Repercusión para a vila de Vilalba non só a nivel comunitario, senón tamén a nivel nacional.
Serán tres días consecutivos de música e actividades, nos que os diferentes artistas actuarán simultaneamente nos escenarios situados na Praza da Constitución e no Campo da Feira. Enclaves que acollerán este novo FIV; espazos amplos que permiten a adaptación aos tempos e aos protocolos vixentes.