Programa del Festival do Castro 2016 en Pantón.
11.00 horas. Mostra de Artesanía
Dende que a Asociación Cultural O Castro se fixo cargo da organización do festival no 2006 tras recuperar unha actividade que viu a luz en Pantón no 1979 sempre quixo que houbera unha feira de artesanía e esta mantívose durante toda a década.
Este empeño non ten outro obxectivo máis ca dar ás artesás e artesáns da Ribeira Sacra a oportunidade de amosar os seus produtos nun encontro festivo, ao mesmo tempo que achegar a Pantón a outros artesáns e ao fin e ao cabo, facer un encontro coa cultura, a tradición e a arte coincidindo co Festival do Castro.
O día 20 de agosto a partir das 11.00 horas todas as persoas que se acheguen ao Castro, en Ferreira de Pantón, poderán gozar e mercar diversos traballos feitos en coiro, barro, prata, vidro ou macramé, así coma tamén facerse con roupa e levar a camiseta do Festival do Castro 2015.
Se queres participar na feira de artesanía ou informarte podes poñerte en contacto no teléfono 687 887 538 e se queres gozar dela non tes máis ca visitar o Festival do Castro.
11.30 horas. Obradorio de Brinquedos Sonoros
Este ano incluímos no programa un Obradorio de brinquedos sonoros dirixido á xente mais nova que acode ao festival e así ter unha actividade na que os cativos e cativas podan aprender a afondar na cultura propia do país e a ao tempo que gozan do ar libre.
Unha actividade baseada tamén na reciclaxe e reemprego de materiais e obxectos cotiás e que correrá a cargo de César Freiría, o mesmo enorme cúsico que se oculta tras os múltiples sons da Orquestra Pantasma e do Cé.
13.00 horas. Vermú Gaiteiro
A partir das 13.00 horas inaugúrase a festa no Castro co vermú gaiteiro. Unha actividade que celebraremos desde 2014.
Antes do xantar e para abrir boca haberá, baixo a carpa, unha foliada aberta na que poderedes participar quen traiades algún insrumento musical e gañas de cantar e gozar música. Ademais haberá recompensa cun vaso de vermú galego!
E o vermú ademais de ser gaiteiro será galego porque músicos e festeiros saborearán o líquido feito en Chantada, para os oriúndos o corazón da Galiza.
Esta actividade aberta esta concibida cun obxectivo ben claro: facer fame para unha hora máis tarde poder co rico xantar que se serve no festival do Castro.
Aviso a gaiteiras e pandereteiros, o vermú gaiteiro e galego do Festival do Castro traerá sorpresas. Non o perdan porque se sorprenderán.
14.00 horas. Xantar Popular
E que sería do Festival do Castro sen un xantar cos mellores produtos da Ribeira Sacra?
Pois aínda non o imos saber, así que como marca a tradición no Castro haberá xantar de festa: empanada da zona (tamén para menus vexetarianos) , pementos de Herbón, carne ao caldeiro con cachelos e algunha que outra lambonada, ademais dos esenciais viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, a partir das 14.00 horas.
E para resistir a xornada festivaleira que queda por diante haberá café con gotas coa fin de que a dixestión comece a traballan antes do café concerto.
O prezo do xantar será de 15 euros (10 euros para os cativos ata os 12 anos).
O aforo é limitado e deben reservar o xantar ata o xoves día 20 (incluído) no teléfono 636 537 474, no correo xantarfestivaldocastro@gmail.com ou mercar a entrada nos seguintes establecementos:
PANTÓN: Bar Carabelos
MONFORTE: O Anchoas
15.30 horas. Café Concerto
Logo de papar o xantar de festa ten lugar o café concerto, arredor das 15.30 horas. Este ano o encargados de axudar a facer a dixestión será o mítico Cé Orquestra Pantasma.
O Cé é sen dúbida o mellor mestre de cerimonias para encargarse de tarefa de poñer a brincar os corpos da xente festivaleira que xa se cargou de enerxía no xantar. Abofé que o café concerto do Festival do Castro vai ser memorable!
17.30 horas. Animación Infantil
Os cativos tamén son parte do Festival do Castro por iso logo do café concerto están programada actividades para eles.
O tempo cativo desde ano comezará a partir das 17.30 horas, nos balcóns do Castro. Este ano os minutos máis divertidos e inocentes do festival contarán con maquillaxe, xogos e globoflexia reunirán a todos os cativos do Festival do Castro antes de ter lugar os espectáculos de teatro e circo de rúa.
18.00 horas. Teatro e Circo
A partir das 18.00 horas chegará o tempo de circo e teatro de rúa.
Uns espectáculos axeitados para todos os públicos que sempre buscarán a interacción. Como sempre esta actividade será ao aire libre e nos balcóns do Castro, de onde se poden gozar unhas singulares vistas do Val de Lemos. Ven descubrilo!
21.00 horas. Anoitecer no Castro
O anoitecer no Castro é un concerto íntimo e mais relaxado que abre a noite de música e festa no Festival do Castro. desenvólvese no mesmo espazo que as actividades da tarde, no balcón do Castro, onde poderemos tomar a primeira nun ambiente inmellorábel. Este ano Blues do País serán os encarregados de nos abrir o apetito de música e gañas de mais.
23.00 horas. Concerto
E por fin, a partir das 23h chega a música ininterrompida até o amencer no escenario principal. Nesta edición contaremos co Bloquinho de Xermolos, o folc de Coanhadera, os uruguaios Once Tiros, os imprescindíbeis Nao e Skandalo GZ. E ao remate da música no escenario, non escapes, seguimos na carpa con Soundkilla coas mellores misturas até o amencer!