O Festival de Pardiñas, remodelado a causa da situación de pandemia, arrincou este domingo cun concerto de adrián Vigo no San Alberte. Este foi o momento no que se presentou de forma oficial o programa que ser desenvolverá na que xa é a XLII edición. Feira, arte, música, festa, gastronomía… A perfecta fusión entre festival e “romaxe” chega unha vez máis a Pardiñas, en Guitiriz.
Como xa se aunciou , o festival terá dúas quendas en dúas fins de semana. A primeira terá lugar do 6 ao 8 e a segunda do 27 ao 29 de agosto. O Festival de Pardiñas arrincará oficialmente o venres 6 de agosto, ás 21.00 horas, no campo da feira de Guitiriz, cun pregón especial a cargo da poeta e activista Luz Fandiño, quen estará acompañada do dúo musical Acordeireta, que interpretará os seus poemas. Posteriormente comezará o tempo de música co concerto de Tiruleque. Xa antes do pregón, Aire Xulia quentará o ambente cun pasarrúas.
Ao día seguinte, contarán cunha nova edición da xa clásica Mostra de artesáns de instrumentos de música tradicional, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, no campo da feira de Parga. A Mostra terá o seu pregón correspondente, un pasarrúas e un concerto de música tradicional. O pregón estará a cargo de Camilo Regueiro e a parte musical estará ao cargo de Os Bragadiers en pasarrúas e Airiños da Freba en concerto e a actuación de Galicia Fiddle.
O domingo, día 8 de agosto, tamén no campo da feira de Parga, realizarán a Mostra de artesanía, un encontro e aproveitarase para facer un aberto de billarda a partir das 17.00 horas. A música estará a cargo de Brassica Rpaa e a animación musical a cargo de Caivanca. Haberá xantar popular con polbo e churrasco.
SEGUNDA FIN DE SEMANA
A segunda parte do festival de Pardiñas arranca o venres 27, no campo da feira de Guitiriz coa actuación de Asubíos da Chaira en pasarrúas e Backwest e Guezos en concerto.
No día seguinte, o sábado 28, a verdadeira protagonista do festival será a música rock, mais tamén os obradoiros que teñen preparados de graffiti, con xogos na rúa e brinquedos, sen que falte a esperada entrega dos premios no XLII Certame Terra Chá. Nesta ocasión, os galardóns serán entregados pola familia de Xela Arias, poeta homenaxeada co Día das Letras Galegas deste ano, mais por outros autores e autoras convidadas.
O último domingo de agosto estará dedicado ás aldeas de Pardiñas, por onde pasarán Os Carunchos. Deste modo, rematarán o encontro cunha sesión vermú e con máis música en directo na escola de Pardiñas.
A organización lembra que para asistir aos concertos será necesario estar rexistrado previamente xa que teñen o aforo limitado. Para elo debe enviarse un correo a concertospardinhas2021@gmail.com indicando nome e apelidos, teléfono e os concertos aos que se quere asistir. Ademais, será imprescindible estar no punto 30 minutos antes do evento para recoller a acreditación. De non ser así, a partires desa hora esas localidades quedarán dispoñibles para outros asistentes ata completar aforo.
Como todos os anos xa están á venda as camisetas desta edición en talles para nenos, unisex e entallada. Poden adquirise en Xoldra Guitiriz.