A Festa do Becerro ao Espeto encherá de ambiente a Piringalla a noite de San Xoán, agardando reunir 13.000 persoas
Lara Méndez, Ricardo Varela, Jesús Vázquez e César Dorado presentaron a dezasete edición desta cita, na que se repartirán 3.500 racións de becerreo de raza autóctona
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente da Asociación Veciñal e Cultural San Isidro da Piringalla e o da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, Ricardo Varela e Jesús Vázquez, respectivamente; así como presidente de ACRUGA, César Dorado, presentaron este martes, no Salón de Plenos, a XVII Festa do Becerro ao Espeto, que terá lugar a noite de San Xoán, dende as 21:15 horas en Santo Graal. O Concello apoia aos dous colectivos nesta cita posto que contribúe a dinamizar o municipio, potenciado, por un lado, a tenreira galega, e por outro, fomentando a economía dun barrio, tal e como manifestou a rexedora.
No acto, no que tamén estivo presente o Voceiro Municipal, Miguel Fernández, a Concelleira de Economía, Ana Prieto, e unha vintena de veciños e veciñas da zona; Méndez agradeceulle á veciñanza o seu traballo por levar a cabo un ano máis esta festa e animou á cidadanía a achegarse á Piringalla a probar este manxar con indicación xeográfica protexida.
Ricardo Varela e Jesús Vázquez coincidiron en agradecer ao Concello a súa colaboración para celebrar un ano máis esta festa gastronómica, unha das de máis tradición de Lugo, que nas pasadas edicións concentrou unha asistencia de ao redor de 13.000 persoas. A organización espera alcanzar, ou incluso superar, o éxito do pasado ano.
3.500 racións
Na XVII Festa do Becerreo ao Espeto, tal e como avanzou Varela, repartiranse 3.500 racións de dous becerreos de raza autóctona (Tenreira Galega) entre todas as persoas que se acheguen a Santo Graal. Esta degustación gratuíta da mellor carne de Galicia tamén irá acompañada con pementos e pan, e de beber, cervexa, viño e refrescos. Ademais haberá unha verbena a cargo da orquestra Principal e unha fogueira de San Xoán, a partir das 12 da noite.