A sexta edición FaCeLa Fest chega a Lugo da man do Concello e Deputación provincial. O festival de música independente xa está consolidado no calendario cultural da cidade, que realiza unha importante aposta pola presenza das agrupacións lideradas por mulleres e polos grupos de Lugo.
O FaCeLa Fest volverá este ano ás datas habituais de antes da pandemia, celebrándose entre o 12 e o 14 de maio. O escenario principal volverá ser o exterior do Auditorio Municipal Gustavo Freire, que acollerá o festival os días 13 e 14 de maio, e contará con máis actividades gratuítas en distintas zonas da cidade, entre as que se atopan un dobre concerto que se celebrará no Club Clavicémbalo o xoves 12 e unha sesión vermú que terá lugar na praza da Milagrosa.
O cartel deste ano volverá apostar por bandas míticas da escena independente, entre as que se atopan as británicas The Wedding Present, procedentes de Leeds, que levan dignificando o indie-rock de guitarras desde os anos 80, e Wave Pictures, que chegarán ao FaCeLa Fest desde Londres cunhas letras onde o sentido do humor e as súas melodías destacaron no xénero durante os 20 anos de traxectoria do grupo. Trátanse dúas apostas de gran calidade dentro do xénero, que demostran que este festival aposta pola calidade musical das distintas agrupacións.
A escena internacional do festival complétase con The Mastersons + the Whitemore Sisters, unha banda de Country alternativa americana procedente de Brooklin e cos portugueses Eigreen, unha banda de recente creación e de gran calidade.