Noticias de Hoy
Siro
Localidad: Lugo Ciudad
Fecha: 25/09/2017 a 05/11/2017
Horario: 01:00

Exposición en Lugo: SIRO. Restrospectiva, 1970 – 2017

SIRO. Restrospectiva, 1970 – 2017 é un proxecto da Rede Museística da Deputación de Lugo que se pode visualizar no Museo Provincial de Lugo, no Museo Pazo de Tor, no Museo Fortaleza de San Paio de Narla e no Museo Provincial do Mar. Con este proxecto preténdese dar a coñecer a evolución artística dun dos mellores humoristas gráficos do noso país. 

SIRO LÓPEZ LORENZO, nado en Ferrol en 1943, é un polifacético artista cunha actividade que abrangue a caricatura, a ilustración, a pintura e o deseño, ademais da súa faceta como escritor. De formación autodidacta (de cativo, pintar e debuxar era o que máis lle gustaba facer) dáse a coñecer, en 1970, na revista Chan, da man de Borobó. Neste mesmo ano, por iniciativa de Xaime López e apadriñado por Miguel González, fai a súa primeira exposición no antigo local de “Toxos e Froles” de Ferrol, mostra que tivo un enorme éxito.

Herdeiro de Castelao, pero creador dun estilo propio, Siro é, ante todo, un humorista gráfico. Un humorista que, ao longo de case 50 anos, soubo reflectir de forma cómica a realidade histórica, social e cultural de Galicia e de España. A través das súas colaboracións diarias na prensa, sobre todo no xornal La Voz de Galicia, Siro foi desvelando en clave de humor o acontecer diario da vida política española a través dos seus debuxos, debuxos caracterizados tamén polo seu valor artístico. Neste aspecto, cómpre destacar a súa serie sobre a transición política, imaxes que aínda hoxe constitúen unha historia gráfica deste período da nosa historia recente.

Pero Siro non se limitou á caricatura e ao humorismo gráfico, senón que, como bo artista que é, foi ampliando os seus horizontes artísticos para incluír a paisaxe e o retrato e, máis recentemente, o debuxo con Ipad. Ademais, xunto con Xaquín Marín impulsou un manifesto en defensa do humor, do que naceu a idea do que hoxe é o Museo do Humor de Fene.

Autor dunha extensa obra gráfica, destacan os seus álbums: Os pecados capitais; 18 espidos de muller; Xente na brétema; In saecula saecularem, amen; Probes homes, Debuxos de humor, Cofrades do Cristo  da Autonomía, A Autonomía galega nas caricaturas de Siro, etc.

Esta mostra que agora se presenta, constitúe a primeira retrospectiva que se fai deste artista. Nela amósase unha ampla escolma da súa extensa obra, mostra que se estrutura atendendo ás diferentes facetas artísticas nas que traballou: debuxo, deseño (foi o autor do proxecto da praza do Humor da Coruña), pintura, caricatura, etc., sen esquecer a súa actividade como escritor, eido no que cultivou xéneros como a narrativa, o teatro e, sobre todo, o ensaio, campo no que destacan os seus traballos Castelao humorista e Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo.