Exposición: Humor do país, de Luis Davila (O Bichero) nos museos da Rede Museistica.
Dentro da programación dos museos da Rede Museística (VER) para conmemorar o Día Internacional dos Museos 2017 contamos coa exposición ‘Humor do país’ de Luis Davila quen, ademais, participará nas presentacións desenvolvendo un obradoiro en cada un dos museos. Tanto as exposicións como os obradoiros correspondente atenden á temática específica dos contidos e da contorna de cada museo da Rede.
MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
»Presentación exposición/obradoiro: “Humor do país”, por Luis Davila
- Data: 18 de maio
- Horario: de 19:00 a 20:00: h.
- »Inauguración da exposición: “Humor do país”, de Luis Davila
- Data: 18 de maio, 20:00: h.
- A exposición vai permanecer aberta ao público ata o 31 de xullo.
Luis Davila
Luis Davila Malvido (Bueu –1972). Nace cun rotulador na man e crece debuxando, máis tarde dáse conta de que podía chegar a vivir diso. Cursa estudos de Deseño Gráfico e Ilustración na Escola de Artes Aplicadas Pablo Picasso da Coruña.
Traballou en diferentes axencias de publicidade e en 1997 entra a formar parte da sección de deseño do xornal Faro de Vigo. Dende 2013 empeza a traballar como freelance.
Realiza ilustracións para R, Estrella Galicia, Consocio Zona Franca, Agaca, CIGA, Nós candidatura Galega, Colexio de Farmacéuticos de Galicia, TVG, Nikis Galicia Style … etc. Dende o ano 1998 publica en Faro de Vigo unha viñeta de humor diaria chamada “O Bichero”
Ten publicados seis libros recompilatorios. Dende 2014 participa xunto a Carlos Blanco no espectáculo “Menú do Día”. Na súa faceta como pintor, xa ten realizado máis dunha vintena de exposicións e no ano 2006 recibe o primeiro premio da bienal “Arte no Morrazo”
LUIS DAVILA (Bueu, 1972)
Davila é un apelido que semella un alcume. O mesmo que houbo un Xoán de Aldán, un Pero da Ponte e un Leonardo da Vinci, o noso admirado Luís podería ser Da Vila, da xente, un pouco de todos nós. Porque ninguén como el retrata nas súas tiras xornalísticas as cousas que nos pasan cada día, a actualidade que de verdade nos preocupa, a linguaxe que empregamos para falar do noso.
Do maxín e do lapis deste Davila xorden retratos populares que nos identifican. Tanto ten que fale do cumio do FMI, do cambio climático ou do camarlengo do Papa: O noso amigo é quen de trasladar calquera tema, por moi farragoso que pareza, nunha historia próxima, que pode acontecer nun furancho, nunha tasca, nunha leira ou a bordo dunha gamela coruxeira. Ten graza, fainos rir, afía un humor retranqueiro, pero o que de verdade nos asombra é a súa capacidade para achegar o mundo ao noso, para interpretar cada día a actualidade nun recuncho de papel de 160 centímetros cadrados.
Davila é da vila e consigue cada mañá que nos escarallemos. E o fai con personaxes que nos resultan próximos: A vella coa bata que sacha na horta; os pícaros que xogan na rúa; o peneque da taberna que pontifica de todo; ou o mariñeiro orgulloso na súa lanchiña que ameaza pola radio ao cruceiro de luxo: “Aquí “Patajullo Power”. Falo co capitán do “Independensofdesis”? Pois amarrade toda a chirimbolada canta teñades a bordo que vouvos pasar feito unha sentella e non respondo da ola”.
“As boas noticias non son noticia”, di unha vella máxima do xornalismo. E os medios, emperrados en catástrofes, crises e guerras, adoitan darnos o almorzo unha mañá tras doutra. Por fortuna, temos ao noso Luís para aledarnos o día, para facernos esbozar un sorriso, cando non unha gargallada. As autoridades sanitarias deberían nomealo de utilidade pública, porque as súas tiras son saúde, como mínimo mental, para dixerir a actualidade.