Chega ao MIHL Unha vida para pensar, a exposición pictórica do artista lucense Julio Díaz Gesto.
- Carmen Basadre inaugurou esta mostra pictórica que amosa ambientes cotiáns de Lugo a través dunha pincelada solta e un gran predomino da cor gris
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, inaugurou este xoves, no Museo Interactivo de Historia de Lugo (MIHL), a exposición Unha vida para pensar, do pintor Julio Díaz, que estará exposta ao longo dos meses de maio e xuño.
Durante o acto de inauguración, no que tamén estivo presente o autor e artista, Julio
Díaz, Carmen Basadre sinalou que “é un orgullo encher esta sala do Museo Interactivo
da Historia de Lugo coas obras pictóricas dun creador lugués que leva máis de 20 anos
dedicado ao mundo da arte e que nos traslada, con esta exposición Unha vida para
pensar, ambientes cotiáns da cidade de Lugo a través do seu estilo tan característico, cunha pincelada solta e un gran predomino da cor gris”.
O autor da exposición, Julio Díaz Gesto, nado en Lugo no ano 1952, leva máis de dúas
décadas entregado á arte e a creación pintoresca. Hostaleiro de profesión, comezou a
sentir inquietude pola pintura nos anos 90, cando se iniciou de forma autodidacta no
eido artístico. A súa gran inspiración, e que tamén define o seu estilo, foi o artista, Tino Grandío.
A pesar de que a súa carreira pictórica iniciouse tarde, Julio Díaz, xa conta cunha longa traxectoria creativa, posto que participou dende o ano 2009 en exposicións colectivas e dende 2007 realizou presentacións individuais na cidade de Lugo e tamén na súa contorna.
Unha vida para pensar, poderase visitar de martes a sábado, en horario de 11:00 a
13:00 e de 17:00 a 19:30 horas e domingos, de 17:00 a 20:00 horas.