Noticias de Hoy
Fisuras na vitrina
Localidad: Lugo Ciudad
Fecha: 29/01/2016 a 30/04/2016

Exposición en Lugo: Fisuras na vitrina. Abrindo a Sala do Tesouro

Exposición en Lugo: Fisuras na vitrina. Abrindo a Sala do Tesouro.

Trátase dun proxecto cultural feito arredor da antiga colección de ourivería Gil Varela –na súa maioría composta por pezas senlleiras na prehistoria galega– xunto coa escolla da obras de 14 artistas- galegos e galegas na súa inmensa maioría: Xoán Anleo, Mónica Alonso, Nilo Arias, Fernando Baena, Mónica Cabo, Ana DMatos, Amaya González Reyes, Xurxo Oro Claro, Laura Piñeiro, Santi Jiménez, Rubén Santiago, Mauro Trastoy, Jorge Varela e Manuel Vidal.

Non adoitamos atopar un ciclo de exposicións que reúna arqueoloxía e arte contempo­ránea na Galiza, e mesmo tampouco na Península. Noutros estados da nosa contorna, como Francia, as Illas Británicas ou Italia, abondan as actividades que conxugan as dúas disciplinas, –ambas desenvolvidas, arte e arqueoloxía contemporáneas, de xeito parello os últimos cincuenta anos–.

Como é ben sabido, nos inicios da arte contemporánea, o descubrimento tanto dos ar­tefactos das culturas prehistóricas coetáneas, como da posta en valor dos obxectos que foron achados pola actividade arqueolóxica, pertencentes ao noso pasado remoto foron fundamentais para inaugurar un novo xeito de facer arte. Ademais, andando no tempo, a metodoloxía arqueolóxica e o seu modo non taxonómico de entender a historia, serán poetizados pola arte conceptual –dende os anos sesenta no s.XX–, regalándonos grandes obras baseadas en achados arqueolóxicos concretos.

Recollendo esta longa tradición como referente ineludible, e unidas tamén pola teoría feminista á hora de percibir cadansúa disciplina, a comisaria de exposicións Monse Cea, e a arqueóloga María Xosé Bóveda, crean este proxecto o pasado ano.

A proposta expositiva completarase con actividades realizadas en colaboración coa área de didáctica do Museo Provincial de Lugo, como obradoiros para tódolos públicos, un foro pecha kutcha –que sumará as miradas da arte contemporánea, arqueoloxía, ou­rivería e deseño de adorno personal, sobre a colección Gil Varela–, unha work shop da artista Ana de Matos, unha trenla de actividades para realizar nas plataformas dixitáis do ciclo web e facebook…

OBXECTIVOS

O proxecto proposto consta de mostras temporais, obradoiros e foros de debate, tendo como obxectivo a creación dun escenario de discusión e deliberación no que agromen sinerxias e friccións entre materiais arqueolóxicos, en moitos casos considerados como pezas artísticas, e a arte producida na actualidade.

A arqueoloxía e a arte contemporánea aínda son consideradas elitistas por moitas persoas debido a múltiples prexuízos. A primeira, afastada da xente pola súa dimensión aurática e tratada na súa exposición pública habitual cun escaso discurso narrativo, e a segunda desprezada precisamente pola ausencia desa dimensión paradigmática e atemporal.

Pretenderemos pois que o obxecto arqueolóxico transcenda o seu carácter suntuario, estático. A institución museística tradicional arreda ao público que visita as mostras da súa realidade cotiá, e isto recae con moita forza sobre o material arqueolóxico, inda con­notado polas mistificacións que afastan as culturas prehistóricas das culturas actuais. A museoloxía tradicional pecha nunha gaiola de ouro os achados arqueolóxicos negán­dolles a oportunidade de transmitir os seus valores como documentos e como produtos estéticos.

Centrarémonos na percepción do achado arqueolóxico como obxecto epistemolóxico, a través de formatos expositivos e estratexias de comunicación co espectador propias da arte contemporánea: as mostras permanentes dos museos arqueolóxicos mudarán a mostras temporais, o espazo do museo excederá o seus limites e sairá ao encontro dos usuarios/as. As pezas de arte contemporáneo convivirán felizmente con pezas de arte prehistórica nas salas do museo, a mais de crearse proxectos específicos de arte contem­poránea para sitios arqueolóxicos escollidos.

As mostras propostas desbotan a idea dun espectador/a pasivo, cara á idea de usua­rio/a das pezas: un espectador/a activo, reflexivo, especulador e crítico que perciba o pasado dende as creacións do presente, dende a mirada activa da arte contemporánea.

A tal efecto, está creando unha web site que recollerá todos os contidos da exposición, para que o usario/a destas actividades poda acceder de xeito inmediato a unha informa­ción ampla, de calidade e gratuíta, tanto dentro como fora do museo.

PRESENTACIÓN

A devolución da colección Gil Varela ao Museo do Lugo propicia a realización dunha ex­posición complementada cun ciclo de actividades especificas sobre esta. A proposta pre­tende transcender máis aló das propias pezas, da súa historia e da súa situación dentro do museo, abrindo estas a un novo xeito de interpretación que transcenda a súa mera contemplación estática, achegando o obxecto arqueolóxico ao público dun xeito que lle resulte diferente, inesperado e mesmo turbador a través do uso de estratexias propias da arte contemporánea que requira a participación e complicidade dun público activo.

Para conseguir este ambicioso obxectivo, utilizaremos unha metodoloxía distinta ás apli­cadas ata o momento en Galicia, coa utilización de estratexias de expoñer, percibir e transmitir, procedentes da arte contemporánea.

A ESTRUTURA DA MOSTRA

A proposta expositiva consta de dúas partes ben diferenciadas e dous discursos teóricos entrefebrados para a ocasión.

As pezas áureas máis notables da colección do museo vincularanse cunha escolla de pe­zas de arte contemporánea galega que usan a textura dourada con moi diversas interpre­tacións. Obrigándonos a reflexionar sobre os obxectos e o material no que están realiza­dos dende distintos puntos de vista. Abstraéndonos da mera contemplación da obra e do seu contexto crono-cultural, para enfrontarnos co mosaico de sensacións e connotacións primarias que o obxecto xera en nós.