O título dun dos últimos cadros –talvez o último cadro- que pintou Felipe Criado (Século XXI: Cada cal que pense o que queira (Entropía), 2012) posiciona o artista no terreo dunha reflexividade que o acompañou toda a súa vida, acentuando a dimensión conceptual dunha pintura, sempre figurativa e de raíz clásica, que se revelou contra os códigos e os modelos impostos en cada momento. Ao final trataba de relativizar a mirada dos outros e, despois dunha longa vida dedicada á arte, entendía que, só desde o libre exercicio do xuízo, un podería sentirse respectuoso coas mensaxes que calquera artista comprometido emite desde as entrañas da súa obra.
O artista, ademais dunha abundante obra pintada ao longo de máis de sesenta anos –un catálogo razoado, de recente aparición, desvela a densa e rica diacronía do seu proxecto-, escribiu excelentes textos que revelan, con frecuencia, as súas posicións estéticas e someteu a arte a un pausado equilibrio entre o analítico e o emocional, entre a razón e a paixón.
Non obstante, o home maduro, que reflexiona sobre o tránsito do tempo e a afastada memoria da infancia, á maneira de Proust, en moitos daqueles textos motivadores tantas veces da súa pintura, reclamaba, citando a Italo Calvino, a necesidade de seguir sendo nenos, porque cando deixamos de selo estamos mortos. E esa necesidade aguzaba o seu sentido experimental e a súa curiosidade por internarse en todo aquilo que puidese ser obxecto de representación. Facíao no territorio do debuxo e da pintura, pero non deixaba de lado a súa dimensión reflexiva, que, entón, acudía á palabra poética, que non era máis que a extensión descritiva do seu pensamento estético: “Un apretado paréntesis de vida, un ajetreo de rutas, esperaba/Protagonistas: La constante y ardiente curiosidad/ Curiosidad/ Siempre/ Paisajes-tierra/ Ríos-puente/ Pueblos-gente/ Hombres-guerra/ Estupor también/ Y terror niño/ Inmerso, confuso/ En corajes de raza: /Para el páu/ Amor/ Al hombre/ Al trigo/ Y al cáu/ Amar/ Al suelo y al mar/ Al aire/ Y al cielo/ Mirar/ Y Jamás/ Un mirar sin amor/ Y siempre con amor/ Amar y mirar”.
Esta mostra homenaxe céntrase nunha selección de obras pintadas nos últimos catro anos, entre 2008 e 2012, e inscríbense en tres das súas máis célebres series (Santander, Pompeianas e Paraugas) que resumen, en termos estéticos, o seu longo e denso proxecto artístico. Todas elas glosan as recorrentes mitoloxías que marcaron a súa identidade e terminaron por definir a súa linguaxe: Muller/ Beleza/ Memoria-Recordo/ Compromiso/ Ironía/ Clasicismo/ Natureza-Paisaxe/ Espazo-Movemento/ Debuxo/ Pintura.
Unha vídeo proxección, na que o protagonista é o propio artista, realizada non seu estudio de Mera, dous anos antes de falecer, amplía o noso coñecemento sobre as claves da súa obra e achéganos ao entrañable perfil humano dun creador que defendeu sempre aquilo no que cría.
Felipe Criado (Xixón, 1928- A Coruña, 2013) iniciara a serie Santander (Santander, 2 p. m. do día 27 de decembro de 1936. Bombardeo da aviación alemá) en 1994 e, despois dalgúns anos de pausa, retómaa con motivo da súa exposición persoal no MAC, en 2009. A serie parte dun acontecemento, que, como relatou en diferentes textos o propio artista, o marcaría para toda a súa vida: o bombardeo da cidade de Santander, unha das súas estadías de infancia, pola aviación alemá da Lexión Cóndor, o primeiro ano da Guerra Civil española, e que tan ben recolle no seu discurso de entrada na Real Academia Galega de Nuestra Señora del Rosario, en 1996. Este acontecemento traumático para o artista, que sucedeu na primaveral mañá do domingo 27 de decembro de 1936 e que se amplía á xornada da sanguinolenta represalia que o seguiu, definirá o discursivo “in progress” duns recordos que lle servirán de sustancia nutricia a Felipe Criado para levar a cabo algúns dos seus cadros máis radicais no que se refire á estética e ao compromiso.
Na mostra, o factor espazo levounos a seleccionar catro obras de gran formato e unha trintena de debuxos do acontecemento, que non só reflicten o recordo puntual e a memoria insubornable do artista, senón a súa capacidade para trasladarnos, con verosimilitude, ao escenario dramático dunha guerra, percibida pola inocente mirada dun neno, metonimia de tantas guerras que se foron sucedendo ao longo dos anos.
Fronte ao cromatismo ocre, avermellado ou amarelo e negro escurecidos na atmosfera xestual e abstracta, a narración reforza a viveza das súas clásicas cores –azuis, ocres e avermellados- , o detalle e un debuxo máis preciso para definir emocionalmente o seu expresionismo máis plácido e a mesura clásica dos seus relatos.
A serie Pompeianas, que iniciara en 2006, despois dunha viaxe a Pompeia, a cidade asolada pola erupción do Vesubio, o ano 79 despois de Cristo, non se afasta da súa conciencia por reflectir a dor e o drama que viviron as sociedades en todas as épocas da súa historia. Desta maneira, Pompeia actúa como unha peculiar metonimia de tantas catástrofes históricas e contemporáneas que vivimos. Pero Felipe Criado faino desde o perfil protagónico da muller, o seu fetiche pictórico e identitario, en termos de iconografía, desde o principio da súa carreira. O expresionismo lacerante foxe da contención erótica e festiva para introducirnos no escenario convulso da erupción volcánica, evocando a lava, non menos simbólica, convertida en pintura e emulsión abstracta.
A serie Paraugas (Ritmo aéreo de tendencia elíptica é o subtítulo), unha gran instalación mural de 6 cadros que alcanza os cinco metros, é o colofón ideal do tantas veces citado clasicismo que definiu a pintura de Felipe Criado, nos últimos trinta anos, cuxo ritmo marca igualmente o nu feminino, un pretexto para explicitar a súa obsesión pola xeometría e a musicalidade formal, pola orde figurativa implícita na busca dunha beleza ideal, tan autorreferencial como kantiana. Concepción que non exclúe o trazo irónico e un sutil sentido do humor, calidades que se ocultan sempre no soterrado erotismo crítico do artista, que, outras veces e en forma de muller recostada –iconografía recorrente nel-, pode ser a referencia primeira para situarnos na natureza ou na paisaxe, reactualizando unha tradición que arranca do renacemento veneciano. Poética que acentuou, nos últimos anos da súa vida, ao igual que sucede cos seus cambios de rexistro lingüístico, experimentando con novos soportes, con obxectos encontrados e, desde a pintura máis pura, co propio estilo máis elíptico, xestual e fulgurante, tal como nos mostra unha obra da exquisitez de Posible situación a contraluz para dúas figuras (2009), exaltación lírica minimalizada do seu vello panteísmo, que traemos á mostra.
O resumo: un concepto de pintura que fonde os esquemas argumentais e as posibilidades cromáticas. A coexistencia de texturas e de volume, de tradición mediterránea e atlántica. E, en definitiva, o resultado dun acto emocional e pracenteiro, clásico e expresionista, que rompe as tonalidades locais e a posibilidade de climatizar as sensacións.
Antón Castro, comisario da exposición