O CENTRAD da Deputación de Lugo acolle, por primeira vez en Galicia, unha exposición lúdico-cultural de plastilina dirixida aos cativos da provincia. Trátase de Plastihistoria da Ciencia, a exposición da Fundación Educa que conta con 20 escenas elaboradas integramente por plastilina nas que se recollen momentos históricos e descubrimentos de todas as disciplinas da ciencia.
A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este mércores esta exposición que estará no CENTRAD de Lugo durante os meses de abril, maio e xuño. A exposición Plastihistoria da Ciencia consta de 20 escenas confeccionadas con plastilina, ademais de utilizar outros materiais como papel, madeira, cartón pluma, musgo e abeloiros.
Na mostra recóllense todas as disciplinas da ciencia (física, química, matemática, medicina, xenética, bioloxía, astronomía) representando en plastilina algúns momentos históricos dun descubrimento ou do seu inventor. A colección da Fundación Educa xa estivo en cidades como Madrid, Sevilla ou Valladolid, lugares nos que obtivo moito éxito de participación.
Ademais desta mostra, o Executivo Provincial ofrece aos colexios visitas guiadas para coñecer a Colección de Instrumentos Musicais, e os obradoiros do Moble, do Libro e Instrumentos Musicais do Centro de Artesanía e Deseño. O horario é de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta. Os centros educativos interesados en realizar a visita guiada á exposición de Plastihistoria da ciencia e aos obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño deberán chamar ao 982210066.