Noticias de Hoy
as_7_e_7
Localidad: Lugo (Concello)
Fecha: 29/02/2024
Horario: 19:30

Exposición As 7 e 7

Dende o xoves 29 de febreiro poderase visitar no Museo Provincial de Lugo a mostra As 7 e 7 – Hora de falar, comisariada por Sergio Marey (Pol, 1997). Que ocorre coas mulleres na arte? Onde están as obras das creadoras nos museos? Estas e outras moitas preguntas son as que nos facemos todos os días cando queremos falar das artistas, indagar sobre elas, traballar con elas… Pese a que nos últimos anos se deron pasos, aínda queda moito por facer.

As obras de mulleres nos museos seguen invisibilizadas, a súa presenza nas mostras é ínfima do mesmo xeito que nas academias, nas coleccións e nos recoñecementos. Mais xa non só falamos das grandes creadoras da nosa historia ou aquelas máis consagradas, senón tamén das dificultades que sofren as emerxentes, aquelas que comezan a súa andaina no mundo artístico, onde o seu acceso segue a ser complicado. As 7 e 7 é unha mostra que busca pular polo coñecemento e as achegas que elas fan á arte, ao pensamento de Galiza e do mundo, xa non só ao longo da historia senón tamén agora.

As 7 e 7 quere dar á coñecer ás 7 artistas cuxas obras están expostas no Museo Provincial de Lugo, sacalas a luz e valorizalas como as referentes artísticas que son. A mostra estará composta por obras seleccionadas de Maruja Mallo, Xulia Minguillón, Mónica Alonso, María Luísa Pérez Herrero, María del Carmen Corredoira, Violeta Bernardo e María del Carmen Álvarez de Sotomayor y Castro presentes nesta colección que se misturarán coas de outras tantas artistas emerxentes – Noa Costas Martín, Christina Chiarroni, Carmen Quintáns, Sabela Eiriz, Greta Debelius e as irmás Noa e Lara Castro Lema -.