Lugo. Do 9 e 15 de decembro.
A Concellería de Benestar Social, que dirixe Olga López, xunto á Federación de Asociacións do ámbito social de Lugo (FADAS) convocan un concurso para a realización dun mural que visibilice o Lugo social. Este certame busca enxalzar o traballo realizado polas asociacións que forman o terceiro sector de acción social de Lugo, ao tempo que se fomenta a arte urbana e se sensibiliza á cidadanía sobre o labor do voluntariado que existe en ditos colectivos.
Olga López explicou que “O obxectivo é promover a creatividade, imaxinación e visibilizar o Lugo máis social neste período no que a cidadanía nos vimos abocados a vivir ao tempo que se fomenta a arte urbana” ao tempo que que animou á participación.
Poderá participar calquera persoa a partir dos 16 anos, que se poderá inscribir de forma individual ou en grupo. A inscrición, que é gratuíta, deberá facerse entre os días 9 e 15 de decembro, a través do formulario: https://cutt.ly/MgDu31p. Cada persoa ou equipo presentará un bosquexo a cor, en formato pdf e jpg, a través do correo electrónico concursolugosocial.concellodelugo@gmail.com
O xurado preseleccionará 10 obras e dentro delas elixirá as 3 que se corresponderán ao primeiro, segundo e terceiro premio, que outorgará a Concellería de Benestar Social: 1000€ para o primeiro premio e realizar a obra nun muro dun edificio municipal ou espazo público, 500 euros o segundo premio e 200 euros o terceiro premio. Ao resto de obras preseleccionadas, FADAS concederalle un vale de compra de materiais por valor de 100 euros.