Noticias de Hoy
Localidad: Lugo Ciudad
Fecha: 17/06/2018
Horario: 00:30

Concierto de Tiruleque en Lugo

Concierto de Tiruleque en Lugo.

Tiruleque naceu como banda en 2002, ano no que se reuniron cinco rapaces procedentes da música tradicional e cunhas inquedanzas musicais compartidas.

A partir de entón, o proxecto musical iniciouse como quinteto tradicional que mesturou ás fontes da tradición da música galega -tanto a través de recollidas como recorrendo aos cancioneiros- con outras moitas influencias e procurando unha evolución que ao longo dos anos empurrou o grupo a incorporar distintos instrumentos cos que levar máis alá esa tradición. Dese xeito, o grupo conseguiu acadar maior expresión, maiores posibilidades e un son propio que se plasma nos discos autoproducidos Tiruleque (2009), Mu!! (2013) e agora Outro que tal baila (2018).

Co seu repertorio, actuaron nos principais festivais de música tradicional e folk de Galicia. TIRULEQUE leva percorrido a xeografía galega e estatal, deixando constancia da calidade os seus directos coa participación en festivais de recoñecido prestixio, como o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Pardiñas ou Beltaine -Avilés Intercélticu. A nivel internacional participou representando a Galicia no 41º Festival Intercéltico de Lorient. Tamén ten compartido escenario con artistas da talla de Milladoiro, Xosé Manuel Budiño, Susana Seivane, Uxía, Treixadura, Quempallou ou Kepa Junkera, entre outros.

Tiruleque presenta en Febreiro de 2018 en “Outro que tal baila”, o seu terceiro traballo discográfico, un repertorio orientado á música de festa e de baile, explorando novas posibilidades partindo da música galega. O título do álbum significa unha auténtica declaración de intencións, xa que define perfectamente o espírito deste grupo que, disco tras disco, busca promover música bailable con pura raíz galega.