Concierto de Sondeseu en Lugo dentro de las Fiestas de San Froilán 2018.
(Día y hora sin confirmación oficial)
Sondeseu é unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. O seu repertorio consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes e responsables das distintas seccións que abranguen gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada. Sondeseu naceu no ano 2001 no antigo departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios, hoxe E-Trad, Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo, experiencia singular que persigue a fusión entre formación especializada, práctica escénica e música en comunidade. Dende entón leva unha traxectoria ascendente que a proxecta no panorama español e internacional, con tres publicacións discográficas e numerosos recoñecementos públicos. Os concertos ao vivo son unha celebración da recuperación do patrimonio oral e a súa integración na modernidade urbana no que o público, integrado por xente de diversa idade e procedencia cultural, toma parte activa. Na actualidade, en colaboración co Concello de Vigo, Sondeseu lidera o proxecto ENFO (European Network of Folk Orchestras) no que se está a impulsar a creación de novas orquestras por toda Europa para consolidar unha rede estable de participación e intercambio ligada á formación musical.
Danzas Brancas é o cuarto traballo da Orquestra Folk de Galicia Sondeseu que segue a liña trazada polos anteriores cun indiscutible selo de calidade, innovación e proxección da música de tradición oral dende a perspectiva da creación colectiva. Este novo traballo contén temas de músicos galegos de recoñecido prestixo vinculados á propia orquestra como Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Xosé Liz e Rodrigo Romaní, así como unha versión de "O Mandil" un dos temas máis emblemáticos de Berrogüetto, arranxado especialmete para a orquestra polo seu autor: Quico Comesaña
Danzas Brancas, conta coa colaboración de Kepa Junquera que nesta ocasión se funde cos máis de corenta instrumentistas que forman a primeira orquestra folk de Europa.
Danzas Brancas resulta ser unha evocación da tradición personificada nun tipo peculiar de danza vinculada a celebracións relixiosas con forte influenza de elementos pagáns anteriores, mesmo referenciados na idade media. A gravación reflicte con fidelidade o ambiente e a enerxía que Sondeseu transmite nos seus directos, cheos de forza e poder de comunicación.
Danzas Brancas está dispoñible nas mellores tendas, Itunes Store e na propia web da orquestra: www.sondeseu.org