Noticias de Hoy
ANTON VALCARCE
Localidad: Lugo Ciudad
Fecha: 24/03/2016
Horario: 23:30

Concierto de Antón Valcarce en Lugo

O único cantante galego que gañou tanto o Centolo de Ouro como o de Prata no prestixioso certame de folk do Grove alá polos anos 70, onde competiu con Xocaloma e Suso Vaamonde. Coñeceu a Picasso, tocou no metro de París e participou como guitarrista en varias gravacións de Georges Moustaki. Foi considerado nese momento como un dos máis brillantes cantautores galegos. Recoñece se-lo «autor da nova canción galega máis descoñecido». «Despois de escoitar a Voces Ceibes sentín a necesidade de cantar en galego, na lingua da nosa nación». Antón recorda con certa morriña os seus tempos de cantante rueiro en París. «Foi onde mellor me sentín cantando, máis libre, alí compuxen o tema “Galiza son”, que reflicte a vida dun músico na rúa», asegura. No ano 1976, no Sadler’s Wells Theatre de Londres e ante cinco mil espectadores, Antón iniciaba a súa actuación con estas palabras: «Señores, que Galiza é fermosa e verde todos o sabemos; vou cantar en serio da nosa terra». Estaba só coa súa voz e maila súa guitarra e enganchou ao respectable coa súa música e as súas letras cargadas de contido. As crónicas periodísticas da época aseguraban que a música galega puxera unha pica en Londres. Pese a toda esa bagaxe que o apoia, o home que puido reinar na nova canción galega é aínda un gran descoñecido. Tarde, mal... e arrastro e A balada do fillo do crego son os álbums de Antón Valcarce que están no mercado. A súa música é de contido social, reivindicativa con Galicia, as súas cancións reflicten o orgullo de ser galego e están aderezadas con certas doses de anticlericalismo. Antón asegura que «a ignorancia e o servilismo dun pobo son directamente proporcionais ao número de campanarios por quilómetro cadrado».