Concerto de Uri Caine en Lugo, dentro del Festival de Música Cidade de Lugo 2018
O pianista Uri Caine (Filadelfia, 1956) é un músico tan fantástico como inclasificable e un dos intérpretes máis versátiles dos últimos anos. De formación tanto clásica como jazzística, o seu traballo ten sempre un profundo compromiso coa busca de novas sonoridades e emocións, con novas lecturas contemporáneas fronte ao enorme peso da historia de música. Dende esa inspiración, Caine propón diálogos con obras de compositores como Bach, Beethoven, Wagner ou Mahler, nomes esenciais no imaxinario musical deste artista único, sendo capaz de condensar todas estas músicas nun discurso de notas improvisadas. Esta é só unha das razóns polas que cada un dos seus concertos é diferente e completamente inesquecible. Os seus concertos a piano solo son verdadeiras viaxes a través da historia da música onde poden confluír dende Scarlatti e Mozart, ata Thelonious Monk, Art Tatum, John Zorn e The Beatles cunha naturalidade asombrosa. Poucos músicos teñen a capacidade de converter un concerto de piano nunha odisea de sensacións repleta de referencias comúns cunha personalidade tan propia e co factor sorpresa como unha constante. O pianista de Filadelfia, malia que experimentou ao longo dunha dilatada traxectoria con todo tipo de ensembles, realmente non require de compaña ningunha para exhibir toda a súa intelixencia musical. Dende a humildade e o entusiasmo Caine bebe de maneira natural tanto no academicismo como no escepticismo e a descrenza nel mesmo. E así o pianista expresa a dose xusta de deferencia polos clásicos para proclamarse como unha figura de transición, como un músico na encrucillada, admirado e recoñecido tanto no ámbito do jazz como no da música clásica, se ben non de todo asimilado por ningunha das dúas escenas. E de aí o seu atractivo: Caine, grazas á mestizaxe, converte a súa música nalgo universal e aberto para todos os públicos porque realmente non pertence a ningún.
Uri Caine comeza a estudar piano con Bernard Peiffer e estudou máis tarde composición musical con George Rochberg e George Crumb na Universidade de Pensilvania ao mesmo tempo que tocaba polas noites nos clubs de jazz desta cidade. Dende que se traslada a Nova York Caine gravou máis de 20 discos como líder de grupo nos que destacan as deconstrucións das composicións de Mahler, Wagner, Beethoven, Bach e Schumann.
Recibiu encargos de Vienna Volksoper, The Seattle Chamber Players, Relache, The Beaux Arts Trio, The Basel Chamber Orchestra, Concerto Koln e da American Composers Orchestra. Foi o director musical da Bienal de Venecia no 2003. Presentou a súa versión das Variacións Diabelli acompañado por orquestras tales como a Cleveland Orchestra, a Orquestra de Cámara de Moscova, a Orquestra da BBC e a Orquestra de Cámara Sueca. Entre 2006 e 2009 é compositor residente para a Orquestra de Cámara dos Ánxeles coa que estrea o seu concerto para dous pianos e Orquestra de Cámara con Jeffrey Kahane en maio do 2006. En 2009 foi nomeado para un Grammy Award polo seu The Othello Syndrome.
Durante os últimos anos, Caine traballou en grupos dirixidos por Don Byron, Dave Douglas, John Zorn, Terry Gibbs e Buddy DeFranco e tamén podemos sinalar as súas colaboracións ao longo da súa carreira con músicos como Philly Joe Jones, Hank Mobley, Johnny Coles, Mickey Roker, Odean Pope, Clark Terry, Rashid Ali, Arto Lindsay, Sam Rivers, The Woody Herman BaNd, Annie Ross, the Enja Band, Global Theory e The Master Musicians of Jajouka. Recibiu axudas de Pennsylvania Council on the Arts, The National Endowment for the Arts e da Fundación Pew.
Traballou en moitos festivais de jazz incluíndo o North Sea Jazz Festival, Montreal Jazz Festival, Monterey Jazz Festival, JVC Festival, Festival de Jazz de San Sebastián, Newport Jazz Festival, así como de festivais clásicos tales como o Festival de Salzburgo, a Ópera de Múnic, o Festival de Holanda, o Festival de Israel e o ciclo Great Performers do Lincoln Center.