O sábado 24 de abril o Círculo das Artes acollerá un concerto ás 20:00 horas do grupo Forma Antiqva, un conxunto de música barroca, este leva por nome Concerto Zapico Vol. 2: Danzas españolas e italianas do Barroco.
Forma Antiqva
Centrado nos irmáns Pablo, Daniel e Aarón Zapico, Forma Antiqva é un conxunto de música barroca de formación variable que reúne aos intérpretes máis brillantes da súa xeración e que está considerado pola crítica como un dos conxuntos máis importantes da música clásica en España.
A súa fulgurante carreira durante os seus 20 anos de existencia inclúe concertos nos máis prestixiosos festivais e ciclos do país: Teatro Real, Auditorio Nacional de Música e Fundación Juan March de Madrid, L’Auditori e Palau de la Música Catalana de Barcelona, Palau de la Música de Valencia, inauguración das Tempadas de Ópera de Oviedo e Teatro Arriaga Bilbao, Festival Internacional de Música e Danza de Granada, Festival Internacional de Música de Santander, Quincena Musical e Jazzaldia de San Sebastián, Semana de Música Relixiosa de Cuenca, o Festival Pórtico de Zamora ou o Teatro-Auditorio do Escorial.
A súa intensa axenda internacional levounos a grandes festivais e salas internacionais como a Frick Collection de Nova York, o York Early Music Festival do Reino Unido, o Ludwigsburger Schlossfestspiele, o Musikfestspiele Potsdam e o Thüringer Bachwochen en Alemaña, o Van Vlaanderen en Bruxas (Bélxica), o Letní slavnosti staré hudby e Prátelé Pražského jara na República Checa, o Camberra International Chamber Music Festival en Australia ou o Auditorium Giovanni Agnelli del Lingotto Musica en Turín (Italia). Ademais, Forma Antiqva presentouse en diferentes salas e auditorios de Francia, Reino Unido, Italia, Alemaña, Suíza, Grecia, República Checa, Polonia, Serbia, Bolivia, Brasil, Perú, Chile, Panamá, México, Colombia, Xapón ou Singapur.
A súa gravación en 2012 das Catro Estacións de Antonio Vivaldi (The Four Seasons) foi cualificada pola crítica española e europea de «referencia» e, ao igual que o seu anterior rexistro Concerto Zapico, supuxo un éxito de vendas en gran parte de Europa. Artistas exclusivos dunha discográfica considerada de culto, a alemá Winter & Winter, todas as gravacións de Forma Antiqva recolleron o aplauso unánime do público e a crítica: Supersonic de Pizzicato, Excepcional de Scherzo, Recomendado de CD Compact, Excelente de Ritmo, Prelude Classical Music Awards 2009, nomeamentos en 2010, 2011 e 2016 aos International Classical Music Awards ou o Premio ao mellor disco de música vocal barroca 2008/2009 de CD Compact. A súa gravación discográfica Crudo Amor (2016) recibiu o selo Excepcional de Scherzo e o Premio GEMA 2016 á Mellor Produción Discográfica. Concerto Zapico Vol. 2 saíu ao mercado en abril de 2018 e supón a continuación do seu proxecto de éxito para trío de 2010, conseguindo en 2019 o Premio MIN ao Mellor Álbum de Música Clásica.
Notas ao programa
En 2007, os irmáns Zapico crearon Concerto Zapico, o seu proxecto máis persoal. Mediante o mesmo daban forma a unha aspiración largamente anhelada: poder facer música de cámara xuntos. O problema radicaba en que ningún dos tres tocaba ningún instrumento melódico, senón polifónicos, ideais para o repertorio a solo ou para a realización do baixo continuo, é dicir, o acompañamento harmónico da melodía. Pero, tocar xuntos?
Para darlle forma decidiron emprender a tarefa de transcribir eles mesmos unha selección de danzas italianas e españolas dos séculos XVII e XVIII, creando totalmente unha linguaxe única e persoal. O seu primeiro rexistro discográfico neste formato, Concerto Zapico, saíu ao mercado con grande éxito no ano 2010 para o selo discográfico Winter & Winter, do que son actualmente artistas exclusivos. As transcricións alternaban o recheo harmónico e rítmico con partes cantables a solo para cada un dos tres instrumentos. Unha nova linguaxe para unha configuración de instrumentos única.
Despois de Concerto Zapico veu Ópera Zapico, no que demostraron que tamén funcionaba –e de que maneira!– as súas transcricións de arias e partes instrumentais de ópera, dende Monteverdi ata Mozart. Grandes partituras orquestrais reducidas a tres únicos instrumentos; e sen voz. Unha práctica, se ben común na época, nada explorada hoxe en día por case ningún intérprete.
Despois de máis de cen concertos por todo o mundo con este programa, a selección orixinal rexistrada de danzas de Concerto Zapico foi evolucionando de tal maneira que oito anos despois xa xurdiu un novo corpus de obras con entidade propia e que configura o contido do programa desta noite. Trátase de Concerto Zapico Vol. 2, toda unha viaxe pola música danzable dos séculos XVII e XVIII cun extra de madurez, control da linguaxe, cores e posibilidades tímbricas dos seus instrumentos. A plasmación máis actual do recoñecido pola crítica estilo Zapico, unha linguaxe propia que mantén en continuo desenvolvemento. A súa compenetración no musical fai deste espectáculo unha experiencia hipnótica e fascinante.