Noticias de Hoy
Fecha: 12/06/2014
Horario: 21:00

Catas Literarias no MIHL: Jerónimo Tristante

CATAS LITERARIAS NO MIHL
O edificio singular que é o Museo Interactivo da Historia de Lugo, co seu xogo de espazos múltiples, está resultando –como era previsto– moito máis ca un museo: exposicións temporais, concertos, obradoiros, proxeccións de cine, audiovisuais, teatro, danza, performances, desfiles, conferencias e outras diversas actividades culturais crearon coa súa densa programación un novo e vigoroso polo cultural da cidade.

Iniciamos agora unha nova xeira con vocación de permanencia: as catas literarias, que se celebrarán sistematicamente o primeiro xoves de cada mes –menos cando este cadre en festivo, que entón trasladarase ó segundo– todos os meses do ano, agás agosto.

E que van ser estas catas literarias? Pois cataremos, naturalmente, a mellor literatura; pero como non só de espírito viven os homes e as mulleres, cataremos tamén cousas materiais.

Cada un deses xoves teremos connosco unha destacada escritora ou escritor, sexa de Galicia, sexa do resto de España ou de Portugal, ou mesmo de países aínda máis distantes, segundo vaia habendo ocasión.

Ás 8 da tarde/noite (20:00) xuntarémonos no MIHL e comezaremos por alimentar e recrear o corpo. É ben sabido que en Galicia se fan magníficos viños, que bebidos con prudencia e moderación alegran o espírito, aguzan a intelixencia e fomentan aconversación. Menos sabido é quizabes que en Lugo, como tamén noutros lugares de Galicia, se están a elaborar excelentes cervexas artesanais. Haberá, pois, viño e cervexa de calidade.

Pero tamén é verdade que beber sen comer non é costume entre nós, sobre todo a certas horas. Por iso tamén comeremos –ou mellor dito cearemos– coa regalía de nada menos ca unha ducia de tapas diversas, oito frías e catro quentes, e unha sobremesa. O milagre será feito polos alumnos do Ciclo Superior de Cociña e Restauración do IES de Sanxillao.

Para que a gastronomía non ande soa e a festa sexa máis soada, temos pensado facer vir tamén unha irmá da Literatura, coa que se leva moi ben. Convidaremos, pois, a Música, que estará representada en cada sesión por un grupo distinto.

E pasaremos ó motivo principal da xuntanza. O escritor ou a escritora do día, que naturalmente xa estará connosco na cata gastronómica –e será conveniente non acosalo a preguntas nesta fase para darlle vagar a fortalecerse–, falará do máis recente dos seus libros, e tamén, naturalmente, dos outros, en conversación cos asistentes. Ademais, estes libros estarán dispoñibles no MIHL para podelos mercar se queremos, e que o autor nolos asine para levarmos un recordo material e espiritual do serán.

E unha vez acabada a xuntanza, que se prevé máis ben longa, cadaquén poderá volver para a súa casa co corpo satisfeito e o espírito enriquecido, non só polas cousas aprendidas ou polas ideas suscitadas, senón tamén polo sabor da fraternidade dun convivio gastronómico e literario singular.

Como é natural, en xuntanzas así temos que ir a escote, de maneira que cada participante poñerá 10 euros, que dada a calidade dos viños, das cervexas e das numerosas tapas parece unha cantidade moi mesurada.

TERCEIRA CATA
O xoves 12 a partir das 20:00 horas, Jerónimo Tristante estará con todas as persoas que se acheguen polo MIHL.

JerónimoTristante é un escritor que traballa con textos de misterio e aventuras do que destaca o seu personaxe Victor Ros que ademais será o protagonista dunha serie de televisión que se estreará na canle Televión Española a partir de setembro de 2014. Este autor caracterízase por empregar unha rigorosa documentación histórica para ambientar e crear situacións e personaxes. Ata o momento publicou sete novelas, Crónica de Jufré, El rojo en el azul, El misterio de la Casa Aranda, El caso de la viuda negra, El tesoro de los nazareos, 1969, El enigma de la calle Calabria, El Valle de las Sombras, Océanos de tiempo e La última noche de Victor Ros.

Para poder asistir haberá que adquirir unha entrada cun prezo de 5 euros que está a venda na Biblioteca Municipal da Milagrosa (luns a venres, de 10:30 a 14 e de 16:30 a 20:00), no Centro de Interpretación da Muralla, (luns a sábado, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00), no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), (luns a sábado, de 16:30 a 19:00), nas propias librerias participantes e na web entradas.lugo.es .

⚙ Configurar cookies