As San Lucas 2020, en Mondoñedo.
Mondoñedo, Lugo, España
As San Lucas de Mondoñedo este ano serán unhas festas atípicas que durarán cinco días e que tentarán mater viva unha tradición de case 900 anos. Así, seguirán tendo ao cabalo como protagonista aínda que non haberá nin a tradicional feira no Campo dos Paxariños nin a baixada dos cabalos polas rúas da cidade.
Hoxe dará comezo a recepción das autoridades nos xardíns da Praza da Catedral e ademais farase a lectura do manifesto do mariscal e a ofrenda floral no interior da catedral.
De aí as sanluqueiras Uxía Carballal, Cecilia Lombardía e Daniela Lombardía e Álex Barreira partirán ata o auditorio onde o director da escola de música municipal, Xan Carballal, lerá o pregón.
O sábado está previsto, no recinto da Granxa, o concurso de cabalos trotóns e o domingo será a final da Copa Galicia de morfoloxía de pura raza galega, para así dar paso a un espectáculo de doma con cabalos de raza galega.
Haberá tamén un encontro folclórico, pasarrúas en distintas prazas da cidade e a partir das 20.15 horas proxectarase un vídeo sobre a fachada da catedral para despois dar paso a un concerto de Xosé Lois Romero e Aliboria. Na alameda tamñen haberña verbena con aforo limitado a cargo de Aroma.
O domingo está prevista a ofrenda a Pascual Veiga no cemiterio e a presentación do libro ‘Contrahistorias de Galicia’ de Antonio Reigosa. Xa pola noite haberá música na alameda e unha sesión de fogos artificiais.
O luns 19 será a tradicional misa na catedral, haberá pasarrúas, sesión vermú e verbena ademais dun espectáculo de maxia no auditorio. Xa para rematar o Día das Maulas, Micromina Títeres interpretará as cantigas de Alfonso X.