Noticias de Hoy
Fecha: 02/06/2014
Horario: 21:30

Ars Combinatoria

Ars Combinatoria

Pasaron xa anos dende que en 1991 naceu Ars Combinatoria da inquietude por cantar polifonía do século XVI español..., trobar cantigas medievais..., tanguer cun baixo continuo... ou reunirse para interpretar música de J. S. Bach, entre moitas outras músicas, coa única intención e desexo de ter un amplo coñecemento para facer a música escrita hoxe.

Posuír a capacidade de abarcar calquera forma musical dentro da súa historia, coa variabilidade de cadro de persoal que isto comporta, foi a idea xeradora de Ars Combinatoria.

Para Ars Combinatoria non só o material sonoro gobernado por unha unidade musical é o que chega a producir o acto en si do concerto. Parte fundamental é a montaxe e a convivencia entre os músicos que traballan durante todo o ano en retiros temporais, dos que pouco a pouco algúns se van integrando en toda unha forma de pensar e facer. Estes encontros preséntanse como algo “aberto”, contando con músicos especializados para interpretar un variado repertorio de diferentes características cronolóxico-estilísticas, dende o medievo ata o século XXI: cada idea e programa dispón dunha formación vocal e instrumental adaptada a ese fin.

Non é para Ars Combinatoria ningún problema pasar dunha fídula a un violín barroco ou a un violín amplificado. Así, hai máis de tres anos que se veñen realizando concertos nos que a música contemporánea é protagonista mesturándose instrumentos acústicos con música electrónica. Por outro lado, traballar en proxectos escénicos con estéticas moi actuais é un dos obxectivos que se están facendo realidade. Hoxe en día Ars Combinatoria ofreceu máis de tres centenares de concertos.

Colaboraron con Ars Combinatoria “músicos-solistas-profesores” como Genoveva Gálvez en 1994, interpretando quinteto de Antonio Soler; en 1996, o clavicembalista e organista Claudio Astronio traballa sobre a música italiana dos séculos XVII e XVIII, dirixindo posteriormente algúns concertos de J. S. Bach coa colaboración de solistas como Mauricio Manara, Gordon Murray e Stefan Gotfried. Realizaron colaboracións con outros grupos como: o drama litúrxico Ordo Profetharum con Maladança e a Capela da Universidade de Santiago; en 2006 e 2007 interpreta cantatas de J. S. Bach coa Capela Real de Madrid; o coro cantou coa Orquestra Presjovem o Réquiem de Mozart en 2007, sendo dirixido nalgunha destas ocasións por Francisco Luengo, Oscar Gershensohn ou Pablo Mielgo. Cabe destacar nos últimos anos a interpretación de concertos con programas para solistas, coro e orquestra nas Catedrais de Granada e Salamanca, Auditorio Nacional e Auditorio de Galicia, entre outros.