Os próximos 22, 23, 24 e 25 de xuño a cidade de Lugo volverá a converterse, un ano máis, en Lucus Augusti e as súas rúas encheranse de novo de romanos e castrexos e instalaranse os poboados, os campamentos e o circo.
Catro días cheos de historia que nesta edición conta xa co distintivos de Festa de Interese Turístico Internacional que para Repetto é “algo do que estamos moi orgullosos, de poder desfrutalo en todo o seu esplendor” ademais engade que “é un distintivo que nos outorga o Ministerio e supón unha responsabilidade e o compromiso de seguir mantendo os niveis da festa e mellorar ano tras ano”.
Este recoñecemento internacional supón tamén “unha ventá ao mundo é unha proxección a nivel internacional para poder captar máis turismo e que se acerque máis xente de fóra a coñecer esta gran festa que é o Arde Lucus” declara o concelleiro.
Nestes últimos anos alcanzáronse os maiores índices de coñecemento desta festa fóra de Galicia e nos dous últimos anos, máis de 35 millóns de persoas de todo o mundo coñeceron o Arde Lvcvs a través da difusión que realizaron xornalistas representantes de medios de comunicación de dez países e tres continentes.
Esta edición contará con varias novidades como a incorporación dunha zona especial dedica ao desfrute dos máis pequenos, e onde todos os nenos e nenas poderán vivir a festa do Arde Lucus de xeito máis especial. Para os maiores tamén haberá novidades e nesta edición a Asociación de Cociñeiros de Lugo instalará un Tabernarium.