Noticias de Hoy
ExvZWp8XAAYIWyU
Fecha: 09/04/2021 a 11/04/2021
Horario: 01:00 a 01:00

Actividades do X aniversario da Casa da Xuventude

A Casa da Xuventude de Lugo cumpre o vindeiro día 9 de abril unha década de vida. Desde a súa apertura, as instalacións convertéronse nas dependencias de referencia para o desenvolvemento de actividades alternativas para a mocidade máis activa de Lugo de idades comprendidas entre os 14 e 35 anos.

Para conmemorar esa data, o Concello de Lugo, a través da concellaría de Xuventude, que dirixe Ana González Abelleira, desenvolverá unha extensa programación cunha serie de actividades nas que os mozos e mozas lucenses poderán celebrar xuntos esta efeméride, e na que se lle quere dar voz a esa mocidade, “que ten moito que dicir sobre a cidade e a sociedade que construímos entre todos”, sostivo a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

A programación do décimo aniversario se desenvolverá durante a fin de semana do 9, 10 e 11 de abril. A concelleira Ana Abelleira sinalou que debido as restricións sanitarias, “non realizaremos actividades multitudinarias, como quixésemos, pero faremos un esforzo importante con pequenas accións presenciais e moitas actividades on line, estando moi presentes tamén nas redes sociais”.

Venres 9 de abril

O aniversario arrincará ás 18.00 horas do venres, 9 de abril, cun acto institucional e co xornalista xornalista Baruk Domínguez como mestre de cerimonias. Montarase un photocall para a ocasión e descubrirase un novo graffiti na fachada da Casa da Xuventude, que será a súa nova imaxe. Ademais, a escola de danza Gravitty Lugo apoiará a gravación dun baile a través de Tik Tok.

Ás 19.00 horas inaugurarase a exposición da fotógrafa Adra Pallón. Baixo o título ‘A crise industrial’, a mostra recolle unha reportaxe sobre a loita dos e das traballadoras en Galicia, destacando a reivindicación de Alcoa por manter os seus postos de traballo.

Ás 19.30 horas presentarase o ‘Dicionario galego para boomers’, elaborado polo alumando de 1º da ESO do instituto lugués Leira Pulpeiro. As e os creadores, que recollen neste traballo definicións de conceptos empregados no día a día polas mozas e mozos, serán os encargados de presentar a iniciativa xunto coas súas mestras, e prometen algunha sorpresa.

Este primeiro día de celebración tamén contempla un Escape Room de misterio no interior da Casa da Xuventude. Esta actividade estenderase ata o 17 de abril, de luns a venres de 17.00 a 18.00 h. e de 19.00 a 20:00 h., así como os sábados, de 11.00 a 12:00 h. e de 13:00 a 14.00 h. en quenda de mañá, e de 17.00 a 18.00 horas e de 19.00 a 20.00 horas en quenda de tarde. As inscricións poden realizarse xa a través da web xuventudelugo.gal. Os grupos serán de máximo 4 persoas por hora.

Sábado, 10 de abril

Ás 11.00 horas, Julen Bollain ofrecerá presentará vía online o libro ‘Hoy es mañana’, un ensaio para a mocidade, no que participan 10 mozas e mozos profesionais de distintas materias e que aborda a necesidade de repensar o futuro e decidir de forma colectiva o mundo postpandemia que se desexa. O enlace para a videoconferencia publicarase nas redes sociais oficiais de Xuventude de Lugo.

Ás 12.00 horas comezará unha ruta sobre a Arte Urbana en Lugo, da man do guía Guido Álvarez. O punto de partida e de chegada é a Casa da Xuventude e é preciso inscribirse en xuventudelugo.gal. O número de participantes determinarase seguindo as indicacións sanitarias.

Pola tarde, dende as 17.00 horas, o protagonista será o RAP co obxecto de promover o talento musical da mocidade luguesa neste xénero.

Domingo, 11 abril

Ás 11.00 horas presentarase vía online o libro ‘Tú no eres tu selfie: 9 secretos digitales que todo el mundo vive y nadie explica’, da autora Liliana Arroyo.

Ás 12.00 horas, a mocidade poderá participar na ruta ‘O Lugo da Xuventude’, dirixida por Guido Álvarez. As inscricións pódense realizar en xuventudelugo.gal

Pola tarde, o Concello programou Faladoiros de Xuventude Activa, a partir das 17:00 horas, onde se quere dar voz á mocidade e as súas inquietudes.

Neles participarán 

  • Ruben Hamade Longarela e Gael Zarza Arias, de Gravitty Lugo, 
  • Nacho Ozores Mosquera, director e editor, que  presenta o seu corto Mentras isto pasa, nominado aos Mestre Mateo
  • Cintia Folgueira Cobos, investigadora postdoctoral no Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC)
  • Paula Rodríguez Villamayor, premio Talento Mozo de Galicia, na modalidade de Rural
  • Héctor Castiñeira, coñecido como Enfermera Saturada
  • Diego AS, grafiteiro lucense, semifinalista da Liga Nacional de Graffiti
  • Talía Rodríguez, gañadora do 1º premio do certame #LugoEnIgualdade
  • Mº Isabel Casanova, a protagonista do vídeo premiado
  • Alumnado de 1º da ESO do IES Ánxel Fole, gañadores do 2º premio do certame #LugoEnIgualdade.

O broche de ouro porao o grupo de indie-rock Forget La France. A entrada, salvo para determinadas actividades,  é libre e gratuíta ata completar o aforo, que poderá variar segundo as restricións sanitarias do momento.

Maratón fotográfico en Instagram

Coincidindo coa celebración dos actos conmemorativos do 10º aniversario, Xuventude convoca  un maratón fotográfico, para premiar a creatividade e técnica da mocidade. Poden presentarse mozos e mozas de 14 a 35 anos, empadroados no Concello de Lugo, ou que traballen ou estuden no municipio, que teñan unha conta de Instagram pública. Tamén deberán seguir a conta de Xuventude en Instagram: @XUVENTUDE_LUGO. As e os menores de 18 anos precisarán permiso dos pais, nais ou titores/as.

As imaxes deberán realizarse durante a celebración das distintas actividades que compoñen a programación de dito aniversario. Estas fotografías non poden ser retocadas nin manipuladas en ningún dispositivo externo á cámara ou dispositivo móbil coa que se realice. Cada persoa participante deberá subir ao Instagram unha única fotografía co cancelo #XuventudeActiva. Deberase mencionar no título a @XUVENTUDE_LUGO.

As persoas interesadas deberán realizar a inscrición na páxina web de xuventude, www.xuventudelugo.gal, dende o día da presentación das bases ata o día anterior ao inicio do maratón.

O xurado calificador estará composto por profesionais do sector da fotografía que premiarán a creatividade, a orixinalidade e a calidade fotográfica. A selección das fotografías gañadoras será decisión absoluta do xurado e o seu veredicto, definitivo.

Establécese un único premio dunha fin de semana para dúas persoas nas Cabanas da Chousa, no Veral (Lugo).


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635