Noticias de Hoy
xuventudev3
Fecha: 10/11/2020 a 23/12/2020

Actividades do programa Xuventude

A edil de Xuventude, Ana González Abelleira, deu a coñecer hoxe a programación organizada pola súa concellería para promover a mocidade activa de cara ao que resta de 2020. Unha axenda, chea de propostas alternativas para mozos e mozas de 14 a 35 anos, que se desenvolverá dende o 2 de novembro e até o 23 de decembro, garantindo o cumprimento de tódalas medidas sanitarias conformes á evolución da pandemia.

Así, o Concello manterá neste último trimestre actividades de gran participación en edicións anteriores, como é a preparación do First ou as clases de ioga e pilates que combinará con outras modalidades como o aerobic latino ou os hipopresivos.

“Trátase de conxugar os intereses e demandas da rapazada local en torno a aqueles cursos que teñen moi boa aceptación coa incorporación doutras suxestións que nos realizan e que están máis relacionadas coas tendencias actuais. Por exemplo, manteremos tamén as clases de cociña de Nadal, nas que se achegan platos propios destas festas e, este ano, engadimos tamén cociña do Mundo, inspirada en receitas internacionais, e Universitaria para axudar ao estudantado a coidar e desfrutar da súa alimentación”, explicou Ana González.

Do mesmo xeito, a responsable de Xuventude sinalou que terán continuidade os obradoiros de costura creativa, “para reciclar, customizar e personalizar a moda” e que, como novidade, se estrea un taller de fotografía no que se impartirán conceptos básicos para aprender a manexar a cámara, iniciarse na montaxe e edición de Photoshop e tamén na práctica da fotografía nocturna, panorámica ou de 360º.

Ademais disto, o Concello de Lugo continúa a ofrecer aos mozos e mozas a posibilidade de realizar distintas rutas de sendeirismo os sábados. Andainas que teñen distinto nivel de dificultade e lonxitude, conforme ao seguinte calendario:

  • 31 de Outubro: Ascensión á Pena do Seo e Ruta do Wolframio (León)
  • 14 de Novembro: Ruta á Fraga das Reigadas, en A Pontenova (Lugo)
  • 28 de Novembro: Roteiro polo Río Pequeno, en Seoane do Courel (Lugo)
  • 13 de Decembro: Belén do Cumio, nos Ancares lucenses

Queda por determinar, asemade, a data para a ruta invernal con raquetas de neve que se realiza en Laciana (León) e da que se concretará a súa celebración en canto sexa posible.

Tamén se manteñen as Asesorías Xuvenís que son gratuítas e confidencias.

  • Xurídica: Luns e mércores, de 19:30 a 21:00 horas
  • Psicolóxica: Martes e xoves, de 18:00 a 20:00 horas

As persoas interesadas poden inscribirse xa na Casa da Xuventude, con cita previa ou a través do número de teléfono 982.29.74.44 e o custo das actividades oscila entre os 2’87 euros e os 8’61 euros de preparación do First aínda que outras, como as clases de cociña que se realizan en modalidade online, son gratuítas.