Noticias de Hoy
Converxencias 2014
Fecha: 29/04/2014 a 25/05/2014
Horario: 01:00 a 01:00

Converxencias 2014

A Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo presenta no Museo Provincial de Lugo a exposición Converxencias 2014. A mostra está composta por unha selección de obras e proxectos realizados nos derradeiros anos polos alumnos dos diferentes ciclos e estudos impartidos no centro.

O deseño gráfico e de interiores, a cerámica, a fotografía, os medios audiovisuais o gravado e a serigrafía artística cohabitan e interactúan recíprocamente nun espazo común, escenario de intersección das distintas especialidades da escola.
Noutro senso a exposición tamén é nexo de converxencia da escola e a cidade. Os proxectos dos alumnos das Ensinanzas Superiores de Deseño Gráfico conciben e expresan o labor do deseñador gráfico como a dun creador cuxa actividade ten por obxecto a utilización da linguaxe gráfica para xerar mensaxes e transmitir contidos de natureza diversa en todos aqueles eidos da comunicación que a sociedade precise.

Está claro que o obxectivo da Escola de Arte e Superior de Deseño é formar deseñadores que ademais de optimizar os procesos de comunicación sexan capaces de analizar, innovar, investigar, transmitir valores, difundir cultura e adquirir unha responsabilidade social e ambiental.

Por outro lado, os proxectos dos alumnos das Ensinanzas Superiores de Deseño de Interiores, demostran unha notable capacidade para analizar, investigar e proxectar, e expresan a súa vocación de dirixir equipos de proxectos e de execución de obras de deseño de interiores, ao mesmo tempo que manifestan a versatilidade destes futuros profesionais para actuar como interlocutores directos ante as administracións públicas no ámbito da súa profesión.

Os ámbitos principais onde desenvolven as súas actividades son: vivenda e deseño dos espazos interiores para o hábitat; deseño de espazos comerciais e de ocio; deseño de Espazos administrativos; deseño de espazos culturais, educativos e lúdicos; deseño de Espazos efémeros; rehabilitación de vivendas; paisaxismo e deseño de espazos públicos; xestión empresarial de actividades creativas; deseño dos Espazos interiores dos distintos sistemas de transporte; xestión de obras, medicións, orzamentos e prevención de riscos e dirección de obras no ámbito do deseño de interiores; investigacións e docencia.
A fotografía e os medios audiovisuais tamén están presentes na mostra coas obras dos alumnos do Ciclo Formativo de Grao Superior de Fotografía Artística. Estes estudos teñen como obxectivo dar unha formación integral no campo da fotografía, desenvolvendo a creatividade e o coñecemento desta disciplina artística. O noso plan de estudos consta de dous cursos académicos ademais dun proxecto fin de carreira e unhas prácticas en empresa, que se levan a cabo tamén no segundo ano.

Combina a práctica fotográfica diaria, encamiñada á realización de traballos profesionais e proxectos fotográficos persoais, coa impartición de coñecementos técnicos. A todo isto hai que engadir, ademais, unha reflexión sobre a teoría, a historia da fotografía e da imaxe audiovisual. Os traballos dos alumnos do Ciclo Superior de Cerámica Artística, serven de paradigma para entender as ensinanzas impartidas nesta disciplina, orientada a formar profesionais cun amplo coñecemento técnico, artístico e cultural, que os capacita para exercer a súa actividade, ben en empresas cerámicas, ben realizando un labor no seu propio obradoiro, xa sexa no eido artístico, artesanal ou industrial.

A duración do ciclo é de dous cursos académicos, cun proxecto final e prácticas en empresa, titulándose como Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística. Estes estudos, permiten o acceso a outros estudos como: Arquitectura Técnica, Enxeñería, Deseño industrial, Maxisterio, (Educación Especial, Infantil e Primaria), Belas Artes, Xeoloxía, Historia da Arte, aos Graos de Artes Plásticas e Deseño e aos Graos de Conservación e Restauración de Bens Culturais.
A serigrafía tamén ten presenza na exposición. Podemos aproximarnos ao traballo desenvolvido polos alumnos do Ciclo Medio de Serigrafía Artística, que ao finalizar seu período formativo reciben a titulación de Técnicos en Serigrafía Artística en Artes Plásticas e Deseño.

As súas obras demostran un control dos procesos básicos de realización da serigrafía artística, con métodos tradicionais e actuais propios desta especialidade, analizando as especificacións técnicas dos materiais utilizados e organizando os medios de produción e as medidas para seu mantemento periódico preventivo. Estas serigrafías seleccionadas ademais evidencian unha notable capacidade para aplicar con rigor a reproducción fotomecánica, a supervisión e a realización da impresión.
Finalmente, tamén están presentes con identidade propia as obras dos alumnos do Ciclo Formativo de Grao Superior en Gravado e Técnicas de Estampación.

As matrices, talladas, impresas, os gravados, acompáñannos coa súa maxia expresiva, ledicia e sensibilidade nesta exposición, materializada por futuros profesionais os cales mantendo viva a tradición atópanse na vangarda, deixándonos a súa pegada, a súa impronta, a súa persoal fabulación de soños e realidades.